Catro xornadas de intensa actividade repartidas en dúas das cidades máis importantes de América do Sur e decenas de reunións con operadores de boa parte de Latinoamérica para presentarlles a oferta turística galega. Así se desenvolveron as Xornadas Directas en América do Sur organizadas por Turespaña e nas que Galicia tivo unha participación destacada.
A delegación do Clúster Turismo de Galicia encabezada polo presidente Cesáreo Pardal tomou parte de forma activa nas actividades desenvolvidas en Sao Paulo os días 26 e 27 de setembro, e en Bos Aires (29 e 30) dando a coñecer un catálogo formado por un total de 20 axencias de viaxe de receptivo galegas. Galicia estivo representada tamén polas empresas Tee Travel, Viaxes Interrías, e Pilgrim, así como polo Museo MEGA Mundo Estrella Galicia, Turismo Galicia e polo Concello de Santiago de Compostela.
Cesáreo Pardal tivo palabras de agradecemento tanto para Turespaña pola organización destas proveitosas xornadas, como para as empresas galegas que fixeron o esforzo de participar directamente na viaxe e para aquelas que depositaron a súa confianza no Clúster formando parte do catálogo que a entidade difundiu tanto na cidade brasileira como na capital arxentina.
Nestas xornadas, as primeiras que organiza Turespaña en América do Sur desde que comezou a pandemia da covid, tomaron parte tamén máis dun centenar de axentes e operadores turísticos latinoamericanos seleccionados polas consellerías de turismo de Turepaña en Sao Paulo (responsable do mercado brasileiro), Bos Aires (mercado arxentino, boliviano, chileno, ecuatoriano, peruano, paraguaio e uruguaio) e Miami (colombiano), o que permitiu que as propostas dos representantes galegos teñan chegado a case unha decena de países.