Ourense reabre ao público as termas gratuítas de A Chavasqueira e Muiño da Veiga


O Concello de Ourense reabriu ao público as áreas termais públicas e gratuítas do Muíño da Veiga e A Chavasqueira. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitou a zona termal do Muiño, onde utilizou as remodeladas instalacións termais, logo das obras executadas polo Concello para adaptalas á nova normativa.

Coa apertura, a cidade de Ourense volve ter en funcionamento todas as zonas termais públicas e gratuítas da marxe dereita do Miño: as de Outariz, Muiño da Veiga e A Chavasqueira. En canto á estación termal de explotación privada Termas da Chavasqueira, o alcalde avanzou que o Concello espera recibir este mes o proxecto para a súa reconstrución, que executará a iniciativa privada. O Concello tamén ven de licitar as obras de reforma do espazo termal das Burgas, que prevé adxudicar no prazo dun mes e executar no prazo dun ano aproximadamente.

Ao igual que en Outariz, o horario é continuado de 10 a 20 horas.