O proxecto "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo" da Deputación de Ourense é finalista na categoría "Smart Territories & Tourism" nos enerTIC Awards 2022 "Premios á innovación e a mellora da competitividade enerxética a través da dixitalización".
"Hay un Ourense para ti. Descúbrelo" é unha iniciativa de turismo intelixente que, como resalta o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, "permite á Deputación de Ourense situarse á cabeza en turismo interactivo". Tras a avaliación e votación por parte do comité de expertos das candidaturas presentadas, o proxecto promovido polo goberno provincial resultou finalista nesta décima edición dos premios.
O proxecto desenvólvese xunto a Red.es e abrangue unha plataforma smart e aplicacións para móbiles, ademais dun portal web de información turística; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de realidade virtual e de realidade aumentada, e experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
"Este sistema para experiencias turísticas permite aos visitantes acceder aos recursos turísticos da provincia de Ourense con tecnoloxía vangardista aplicada ao ocio, cultura, termalismo, natureza e gastronomía", destacou Manuel Baltar na presentación dunha iniciativa enmarcada na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 comunidades autónomas.
A elección dos gañadores realizarase nos próximos días: a partir do 10 outubro ata o 18 de novembro poderanse realizar as votacións en liña. Os gañadores desvelaranse na cerimonia de entrega dos premios, prevista para o mes de decembro na Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial.
Os premios enerTIC Awards 2022 distinguen, dende 2013, aos proxectos tecnolóxicos máis innovadores desenvolvidos por empresas e organizacións públicas comprometidas coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Nacen da plataforma enerTIC.org, que ten como obxectivo, segundo explican, "contribuír ao desenvolvemento do potencial de transformación das TIC no ámbito da eficiencia enerxética en España co apoio de 85 empresas asociadas e institucións públicas, en favor dunha economía máis competitiva e sostible".
A plataforma "Hay un Ourense para ti. Descúbrelo" permitirá aos turistas que se acheguen á provincia de Ourense dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos da provincia; de servizos personalizados "baixo demanda"; e terán acceso a experiencias inmersivas.
Os aspectos clave do proxecto seleccionado para estes premios son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais.
Entre as innovacións do proxecto tamén destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dun turismo accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son o Big Data, a realidade aumentada, a realidade virtual ou o marketing dixital.
Información dos enerTIC Awards, finalistas e bases da convocatoria en: www.enertic.org/awards.