O I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras pon en valor os recursos da comarca


Ademais do tempo para o debate, en forma de relatorios e mesas redondas, as xornadas do I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras propoñen unha completa axenda de visitas para que os participantes poidan coñecer de primeira man os recursos naturais, patrimoniais e enolóxicos da comarca.

Este sábado pola mañá, a barquense Casa do Río Cigüeño acollerá o primeiro dos seminarios, en horario de 10.00 a 14.15 horas. Na súa inauguración, participarán o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; o alcalde do Barco, Alfredo García, e o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, entre outros.

Tras o programa de relatorios e mesas redondas, no que tomarán parte máis dunha ducia de expertos co fin último de ofrecer claves que axuden á comarca a se posicionar como destino enoturístico, os asistentes poderán desfrutar da gastronomía tradicional de Valdeorras durante o xantar.

Xa pola tarde, a organización do foro planificou para eles unha visita ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá; un roteiro polo Camiño do Inverno e tamén unha visita á Adega Roandi, na que poderán desfrutar dalgúns dos seus viños.

A segunda xornada do foro, que terá lugar o vindeiro 15 na Rúa, segue o mesmo esquema: ponencias, relatorios e mesas redondas durante a mañá e visitas pola tarde. En concreto, nesa xornada promovese o desprazamento a diferentes covas da comarca, un dos elementos máis xenuinos do patrimonio vitivinícola valdeorrés.