O Club de Produto Galicia Destino Sostible posto en marcha polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta marcha a bo ritmo. Ao redor de medio centenar de empresas adheríronse xa a esta iniciativa e os primeiros produtos promovidos no seo do club viron xa a luz a través da súa páxina web, así que toca facer balance e dar un novo paso máis na súa difusión. Con estes obxectivos, o Clúster programou para o día 25 deste mes unha xornada monográfica baixo o título “Galicia Destino Sostible: un turismo comprometido”, que terá lugar na Quinta da Auga Hotel Spa Relais & Châteaux, de Santiago de Compostela, a partir das 10.30 horas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, será a encargada de abrir unha xornada que permitirá coñecer a experiencia dos representantes de catro empresas que xa se adheriron ao club: o reputado cociñeiro Pepe Vieira, do restaurante que leva o seu nome; Jesús Picallo, do Hotel O Semáforo de Fisterra; Pablo Mariño, da axencia de turismo mariñeiro Bluscus, e Amelia García, de Atlantis Adventura. Ademais, antes desa mesa redonda, haberá unha presentación do club de produto e unha conferencia do físico e meteorólogo Martín Barreiro sobre sustentabilidade e cambio climático. O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, poñerá o punto final á xornada, que poderá ser seguida tamén a través da canle do Clúster en You Tube, coa intervención de clausura.
A participación é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente a través do formulario habilitado na web do Club de Produto porque o número de prazas é limitado e serán asignadas por orde de inscrición. O prazo límite para anotarse acaba o 21 de outubro, mesma data establecida (tras unha prorroga) para adherirse ao Club beneficiándose da posibilidade de optar ao programa de patrocinios para a creación de novos produtos financiado pola Xunta con máis de 300.000 euros.