O CIFP Carlos Oroza recebe o premio Loureiro de Ouro polos seus 26 anos de historia


A II Festa das Cunchas rende homenaxe aos 26 anos de historia do CIFP Carlos Oroza facéndolle entrega do premio Loureiro de Ouro. O director do centro educativo, Manuel Hermo, recolleu o galardón de mans do chef do restaurante El Cafetín, Rubén González Vallejo, ex alumno e flamante gañador da Batalla das Cunchas 2022, nun acto presidido pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco e que contou coa presenza da vicedirectora do CIFP, Pilar Tallón, e do edil de Benestar Social, Marcos Rey

“Para min era fundamental que este ano recibira o premio Loureiro de Ouro o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza. Non é preciso explicalo, pero vou ler por que se lle outorga: ‘Polos seus 26 anos de historia, polo traballo realizado na formación de tantas xeracións e pola contribución á profesionalización dun sector tan necesitado dela’. Mil grazas a todo o profesorado do Carlos Oroza”. Deste xeito anunciou esta mañá a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, no marco do Mercado das Cunchas, a entrega deste galardón, que o propio director do centro educativo, Manuel Hermo, recibiu de mans dun ex alumno, o chef de El Cafetín, Rubén González Vallejo, flamante gañador da Batalla das Cunchas 2022, nun acto que tamén contou coa asistencia da vicedirectora do Carlos Oroza, Pilar Tallón e do edil de Benestar Social, Marcos Rey.

Hermo amosouse notablemente emocionado por recibir esta homenaxe, admitindo que “desde que anunciaron que nos ían entregar o premio, esta semana foi toda de ledicia, porque ser recoñecido pola cidade cun premio como este para nós é moi importante e reforza o labor educativo que estamos a desenvolver desde hai 26 anos no ámbito profesional da hostalería e o turismo”. “Coido que nós achegamos o noso grao de area ao éxito que vive a nosa hostalería. Temos ex alumnos emprendedores, que montaron os seus propios negocios aquí, e outros que non están na cidade, pero que están espallados polo mundo e que sitúan o nome de Pontevedra a nivel internacional”, sinalou o director do CIFP Carlos Oroza.

En opinión de Yoya Blanco, “sobran os motivos para darlle un galardón como este a un centro que é unha seña de identidade da nosa cidade, que forma parte dela dun xeito moi activo” e sen o cal resultaría materialmente imposible “levar adiante esta carreira de fondo que mantemos para ser Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”. “Pontevedra sempre reacciona moi ben a este tipo de eventos gastronómicos, polo que agardamos que a xente se anime a encher o Mercado das Cunchas (Praza de España) esta fin de semana. Esta edición da Festa das Cunchas é moi especial, porque estamos no sprint final para converternos en CEG e queremos que o xurado vexa que non só temos respaldo institucional e empresarial, senón da propia cidadanía, que considera que Pontevedra debe ser Capital Española da Gastronomía (o nome da urbe vencedora darase a coñecer o 16 de novembro)”, asegurou a socialista.

Para Rubén González Vallejo foi “un orgullo” poder entregarlle esta distinción ao CIFP Carlos Oroza, “principalmente porque eu me sinto parte do centro, estudiei alí e sempre sigo ligado na medida do posible en distintas colaboracións”. “Coas melloras constantes que hai no centro -afirmou- danme moitas veces gañas de volver estudar ao ver como se están facendo as cousas, coa horta ou o I+D+i. Estamos traballando por e para a hostalería local, tendo moi en conta ao Carlos Oroza dentro dese círculo. É un premio moi merecido”.

O CIFP Carlos Oroza convértese deste xeito na segunda entidade en recibir o premio Loureiro de Ouro, que na súa primeira edición recaeu no Gremio de Mareantes, en representación do barrio da Moureira.