O CEIP Carlos Oroza contará con un Gastroespazo no Mercado de Abastos de Pontevedra


A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o director do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, Manuel Hermo, mantiveron no Concello unha reunión coa xefa do Servizo Municipal de Promoción Económica, Encarna Dapena, para ultimar os detalles dun convenio de colaboración para que a prestixiosa escola de hostalería poida instalar unha sede no Gastroespazo do Mercado de Abastos. A falta dalgúns flecos e comprobacións técnicas, o CIFP ocuparía un posto duns 24 metros cadrados (tres casetas nas que estaba situada a Piada Romagnola) para desenvolver actividades, talleres e degustacións mensuais e para expoñer os proxectos de final de curso do seu alumnado, o que se convertería nun pulo importantísimo para un espazo gastronómico en horas baixas.

Tal e como precisou Yoya Blanco, “na reunión falamos da posibilidade de organizar actividades mensuais de promoción e divulgación e degustacións nas que poida participar toda a cidadanía e tamén de que o alumnado de último curso poida presentar os seus proxectos finais alí”. “Estamos tremendamente satisfeitos -asegurou a edil do PSOE- e con moitas gañas de que se mude alí canto antes o Carlos Oroza, porque evidentemente vai ser un elemento de dinamización moi importante do espazo gastronómico, por todo o que significa o Carlos Oroza para todo o tecido social da cidade, máis aló do tecido da hostalería e a gastronomía. Isto ten uns trámites administrativos e, agardando a que poidamos formalizar o convenio cara xaneiro, falamos da posibilidade de que, xa no Nadal, poida haber algunha actividade ou degustación. Pero desde logo a principios de 2023 estará funcionando de xeito continuado”.

Manuel Hermo afirmou que o centro está “moi ilusionado”, xa que “se trata dun proxecto que nos vai permitir achegar á cidade a escola e darlle a coñecer as actividades todas que facemos nela e o traballo dos alumnos, desde a presentación de produtos gastronómicos a actividades de divulgación, talleres formativos…”. “Hai unha chea de ideas -apuntou Hermo- que podemos materializar no espazo gastronómico do Mercado e para nós supón un proxecto moi importante que lle dará un impulso á gastronomía das Rías Baixas e da cidade e tamén ao Mercado e ao Gastroespazo, para revitalizalo. Nós imos poñer todo da nosa parte, o noso grao de area, para que iso se poida levar adiante”.

Tralo encontro coa concelleira, o director do CIFP Carlos Oroza achegouse ata as instalacións da rúa Serra xunto coa xefa do Servizo para analizar sobre o terreo as opcións de espazo máis axeitadas (se ben a esquina de 24 metros cadrados na que estaba a Piada parece a que máis posibilidades ten).