O bono turístico 'QuedamosenGalicia' pode gastarse ata o 31 de decembro


Un total de 156 negocios de toda a provincia de Lugo participan este ano na campaña Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que volve estar activa tralo paréntese do verán e seguirá en marcha ata o 31 de decembro.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que “o obxectivo do programa é seguir mellorando as cifras de ocupación nas datas con menor rexistro de visitantes”. Subliñou “a excelente acollida desta iniciativa turística, que o ano pasado inxectou máis de 1,3 millóns de euros ao sector na provincia”.

Arias visitou este martes o hotel Méndez Núñez, un dos aloxamentos adheridos na capital lucense, onde os beneficiarios dos bonos teñen a opción de empregalos nos 28 negocios que se sumaron á campaña.

No conxunto da provincia de Lugo os galegos e galegas que desfruten das tarxetas poden elixir entre 58 hoteis, 30 casas rurais, 22 apartamentos, 13 pensións, 8 albergues, dous cámpings e dúas vivendas turísticas. Tamén participan 21 axencias de viaxes.

“A Xunta sempre considerou que o turismo ía ser un dos motores da recuperación de Galicia trala pandemia e desde o primeiro momento colaborou para fortalecer o sector con axudas por máis de 120 millóns de euros”, dixo Arias.

“Agora estamos constatando que eses obxectivos se están a cumprir, xa que o 2022 está a ser un ano histórico para o turismo na Comunidade, con récord de peregrinos e unhas cifras extraordinarias de ocupación hoteleira”. concluíu.