O Concello de Vilagarcía vén de cumprimentar os trámites para poder levar a cabo a renovación do proxecto museístico do Mufevi, o Museo do Ferrocarril da capital arousana, co obxecto de actualizar e ampliar os seus contidos, modernizalos e dotalos de maior atractivo, accesibilidade e comodidade para todas as persoas que visiten a infraestrutura cultural. Cun investimento de 48.200 euros, a actuación a levar a cabo foi adxudicada á empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L. Os contidos do proxecto presentaranse nos vindeiros días.
A Concellería de Turismo, promotora desta actuación, dispón xa dende hai tempo do proxecto de renovación de contidos do Mufevi. Malia isto, a execución dos traballos e instalación dos novos contidos expositivos non se puido contratar ata hai uns días debido a que, como a actuación se financia a través do préstamo incluído nos orzamentos municipais deste ano, a normativa legal esixe que primeiro estivese asinada a operación bancaria e, polo tanto, estivese dispoñible a partida económica correspondente.
O Museo do Ferrocarril, emprazado no que foi a antiga estación da primeira liña férrea de Galicia –a que unía Carril con Santiago de Compostela- é unha das infraestruturas culturais máis destacables do Concello e un importante recurso turístico que se pretende potenciar.
O centro adoecía de contidos e os que tiña se atopaban bastante obsoletos, xa que non se tiñan actualizado dende a súa apertura en 2006. Por esta razón, a Concellería de Turismo promove a actuación que permitirá transformar ao Mufevi con este novo proxecto museístico. En espera de coñecer máis a fondo os detalles da actuación contratada, pódese adiantar que os traballos requirirán unha redistribución dos espazos interiores para adaptados aos novos contidos á vez que para xerar un determinado percorrido dos visitantes, de tal xeito que a historia e relatos que se contan teñan unha continuidade e unha coherencia.
A actuación inclúe o pintado de paredes, a renovación da instalación eléctrica e de iluminación, a instalación de novos elementos expositivos, a colocación dun mostrador ou a definición de sitios de almacenaxe, pero tamén contempla novos contidos, de tal xeito que se xera unha proposta expositiva novidosa e actualizada.
A empresa adxudicataria encárgase do deseño, produción e instalación unha serie de elementos expositivos que transmitan a importancia histórica tanto da estación de ferrocarril de Carril coma de todas as historias que se entrelazan neste espazo físico, de xeito que todos os visitantes poidan gozar dunha exposición entretida, ofrecendo unha comunicación atractiva e de calidade que xere curiosidade e difusión sobre o mundo do ferrocarril tanto en Vilagarcía coma en toda Galicia.
A transformación do Mufevi completarase cunha actuación no exterior que levará a cabo o Concello con medios propios do Concello consistente no pintado da edificación, p acondicionamento do xardín e a instalación da augada que ten cedida a Fundación de los Ferrocarriles Españoles.