Iñaki Bretal pecha as masterclass do EEIA de Marín cunha lección maxistral de afumados


Salmón, xurel, melva ou polvo foron algúns dos afumados que elaboraron esta semana os alumnos e alumnas na última masterclass que Iñaki Bretal, o cociñeiro do grupo Nove Estrela Michelín do Eirado, estivo impartindo ao longo dos últimos nove meses no Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín, ubicado no Parque Azul de Cantodarea.

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Manuel Santos e Cristina Acuña; polo presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey, e pola xerente do Galp, Laura Nieto, acudiron a esta última sesión formativa.

As Xornadas de formación e promoción de productos marítimo-pesqueiros forman parte, xunto co equipamento da Aula de Formación do EEIA, do proxecto para o que o Concello pediu, e lle foi concedida, unha subvención ao abeiro estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do FEMP para os anos 2021 e 2022.

O proxecto que leva o nome xenérico de “Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria” presentouse cun orzamento total de 32.126,90 €, dos cales o 80% (25.701,52 €) son subvencionados pola Consellería do Mar, e o 20% restante (6.425,38 €) son fondos propios do Concello de Marín.

A acción encádrase nos obxectivos específicos da Prioridade 4 a) e b) do programa operativo FEMP, consistente no fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima”