A concelleira de Deportes e Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), e a edil de Cultura, a tamén nacionalista Raquel Rodríguez, acompañaron aos responsables da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) de Campelo na presentación da oitava edición da Oktoberfest, unha cita que ata a chegada da pandemia da covid-19 xa estaba consolidada como un dos eventos de referencia na bisbarra e que agora volve para vivir a súa oitava edición.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello e, tal e como explicou a edil do Goberno municipal, “para nós é un orgullo e unha alegría que, unha vez mellorada a situación sanitaria, a Oktoberfest volva a ofrecernos dous días nos que a cervexa e a gastronomía serán protagonistas, pero non faltarán tampouco actuacións musicais e propostas pensadas para os máis cativos e cativas. En definitiva, é unha cita da que se pode gozar en familia ou con amizades, nun ambiente inmellorable”.
A carpa abrirase ás 20.00 horas deste venres, 7 de outubro. Será entón cando se poida comezar a degustar a cervexa e as salchichas, codillo e hamburguesas ata ben entrada a noite. Porase a disposición dos asistentes cervexa de tres tipos: rubia, tostada e de trigo. A SCD aposta por manter os prezos populares de edicións anteriores. A animación correrá a cargo de La Quinkillada, coa súa actuación ás 22.30 horas, e de Piñeiros Bands xa pasada a medianoite. A festa continuará ata ben entrada a madrugada co DJ Due, que comezará a pinchar música ás 2.00 horas. Xa na xornada do sábado, a apertura da carpa, que volverá a emprazarse na Praza da Granxa, será ás 12.00 horas. Tanto o venres como o sábado tamén volverá o OktoberKids, unha iniciativa pensada para as crianzas e que ofrecerá xogos populares entre as 17.00 e as 19.00 horas. Ademais, a organización habilita un servizo de ludoteca infantil para as dúas noites do venres e do sábado, entre as 20.30 e as 1.30 horas, que incluirá diferentes obradoiros e actividades.
Xa pola noite, volverán os espectáculos musicais, coas actuacións de Monoulious Dop (22.30 horas) e de Gin Toni’s (00.15 horas). O peche da festa correrá a cargo de DJ Due ata ben entrada a madrugada. A organización confirma que, ao igual que en edicións anteriores, habilitarse un autobús gratuíto, que partirá desde a Igrexa de San Roque de Pontevedra e chegará ata Campelo, pasando por Ferreirós, Combarro e A Seara. Será unha liña que cubrirá este traxecto de xeito regular durante toda a noite, entre as 20.00 horas e as 3.00 horas da madrugada.