Galicia e Portugal investirán 16,5 M€ na sustentabilidade da Reserva Gerês-Xurés


Galicia e Portugal investirán 16,4 millóns de euros no período 2022-2025 para garantir o desenvolvemento sustentable da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, tal e como avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a presentación do plan de xestión deste espazo natural que engloba 11 municipios -6 galegos e 5 portugueses-.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, o plan de xestión, que se publicará esta semana no Diario Oficial de Galicia, é o instrumento de planificación que identifica os eixos estratéxicos, as liñas prioritarias de actuación e as principais accións a desenvolver no vindeiro trienio nesta reserva da biosfera, así como os investimentos previstos polos diversos socios.

Nesa liña, “o obxectivo é impulsar as actividades transfronteirizas e de cooperación entre as dúas rexións para acadar un desenvolvemento económico sustentable conxugando a preservación do patrimonio natural e cultural, o turismo e as necesidades dos habitantes neste espazo natural”, aseverou a conselleira.

Polo que respecta ao financiamento, a Xunta destinará algo máis de 2 millóns de euros do investimento previsto, dado que a superficie desta reserva na Comunidade supón só o 24% do total e o 12% da poboación. Eses fondos destinaranse aos 4 eixos estratéxicos do plan de xestión: imaxe e identidade, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza e participación e integración social.

Entre as actuacións máis salientables cómpre subliñar o programa de educación ambiental e cultural; promoción e implantación de medidas agroforestais-ambientais; restauración e posta en valor de elementos do patrimonio arquitectónico; organización da oferta turística; posta en valor do territorio a través das novas tecnoloxías; ampliación e mellora de hábitats e especies vexetais autóctonas, e accións de sensibilización e formación dirixidas ás poboacións e axentes locais.

Ademais, a Consellería ten previsto destinar máis de 618.000 euros á restauración ecolóxica de masas de Quercus pyrenaica como hábitat de interese comunitario e á sinalización complementaria, adecuación de infraestruturas e adaptación da accesibilidade a persoas con diversidade funcional na gran ruta transfronteiriza da reserva.

Así mesmo, no ano 2022, ao abeiro da convocatoria de axudas para as reservas da biosfera da Comunidade, adxudicáronse máis de 700.000 euros a concellos e entidades do Xurés para financiar actuacións de carácter ambiental como a restauración de ecosistemas fluviais, a mellora dos bosques de frondosas, a mellora de sendas ou a xestión da biodiversidade presente neste espazo.