Galicia, comunidade líder na enquisa de satisfacción entre os turistas estranxeiros


O sector turístico español en xeral e o galego en particular superaron a pasada campaña estival con moi boa nota por parte dos visitantes estranxeiros. Os resultados da Enquisa de satisfacción do visitante 2022 feitos públicos durante a II Convención Turespaña, celebrada en Barcelona, pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e o director de Turespaña, Miguel Sanz, reflicten que o 96 % dos visitantes chegados doutros países cualificou a súa experiencia no noso país como satisfactoria ou moi satisfactoria.

Os responsables do ministerio explicaron que todas as comunidades autónomas de destino móvense en rangos similares, aínda que precisaron que Galicia destaca xunto con Madrid e Andalucía no grao de satisfacción mostrado polos visitantes, mentres que outro territorio con gran peso no sector turístico, como é Baleares, sitúase lixeiramente por baixo da media, según recolle na súa web o Clúster Turismo de Galicia.

Os datos, extraídos das máis de 10.000 enquisas realizadas entre os meses de xuño e agosto, mostran tamén como a oferta de lecer é o aspecto máis valorado polos visitantes, seguida das infraestruturas, o transporte, a contorna, a restauración e o aloxamento, todos eles con máis dun 90 % de respostas satisfactorias ou moi satisfactorias. A continuación, cun 75 %, sitúase a sustentabilidade, factor sobre o que algo máis do 20 % dos enquisados non teñen opinión ou non a manifestan.

O trato do persoal, as habitacións, e a relación calidade/prezo son os aspectos máis apreciados por eses visitantes á hora de valorar os aloxamentos. En canto aos restaurantes, a atención e o trato sitúase tamén como o elemento que máis satisfacción suscitou, seguido do confort, a oferta culinaria e os viños.

Todos estes aspectos positivos tradúcense en que máis da metade dos visitantes enquisados (concretamente, o 55 %) manifesten a súa intención de regresar nos próximos 12 meses.