Éxito da Festa das Cunchas con máis de 10.000 tapas de alta cociña vendidas


A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco salienta a consolidación dunha Festa das Cunchas na que se venderon en Pontevedra máis de 10.000 tapas de alta cociña.

Para a edil, este evento estrela de Pontevedra Capital Gastro supuxo “unha exhibición de talento culinario que acabará de convencer aos membros do xurado de que a nosa cidade debe ser, sen discusión algunha, Capital Española da Gastronomía 2023”

Os oito establecementos de hostalería que participaron durante esta fin de semana no Mercado das Cunchas instalado na Praza de España venderon máis de 10.000 tapas de alta cociña, entre petiscos salgados e doces, o que pon de manifesto o éxito deste formato que aposta por receitas de alto valor gastronómico e calidade. Deste xeito, segundo subliña a súa impulsora, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “na súa segunda edición, a Festa das Cunchas consolídase como un dos eventos estrela da marca Pontevedra Capital Gastro”, recibindo “un goteo constante de xente nas súas horas de apertura” e converténdose “nunha exhibición de talento culinario que acabará de convencer aos membros do xurado de que a nosa cidade debe ser, sen discusión algunha, Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”.

Os artífices deste éxito foron os membros da Banda Cociñas de Pontevedra que, unha vez máis, sacaron á rúa os fogóns dos seus restaurantes para poñer en valor a gastronomía da cidade e elaborar en directo cada un dos 4 petiscos (3 salgados e 1 doce): Iñaki Bretal con Loaira; Rubén González de El Cafetín; Carlos Barreira de Bocarte; Sergio Roma de O Souto; Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula; Marta Santiago de A Fervella; Marta García de Meigas Fóra, e Toño Mora e Andrés Muñoz de O Padal da Santiña. A festa, homenaxe ao mellor marisco de cuncha da nosa ría (mexillón, navalla, vieira, berberecho, zamburiña, ostrón, ameixa e escupiña), incluíu este ano entre as súas novidades, ademais do Mercado das Cunchas, a estrea dun Circuíto de Orientación Gamificada ‘quiztrack’ (preguntas e respostas) ‘Cidade Candidata a CEG 2023’, xestionado a través dunha App e dotado dun mapa, un panel explicativo e diversos puntos de control sinalizados con códigos QR.


Yoya Blanco tamén salienta a boa acollida que tivo o II Roteiro de Petiscos, que contou coa participación dunha vintena de establecementos hostaleiros: Casa Durán, Raxería Lola, Casa Verdún, A Batea do Mercado, Restaurante Casa Digna, A Fervella, Adega dos Avós, O Souto, El Cafetín, Croquetería El Crack, Taberna Zentola, Restaurante Bocarte, Hangar 218, La Cata, Meigas Fóra, La Culpa de la Gula, Loaira Xantar, Zona Zero, Sonata e Café Bar 33.

“Á marxe de seren unha edición moi especial, xa que estamos a un mes de coñecer se a nosa cidade se converterá en CEG 2023, esta Festa das Cunchas serviu para amosar o nivel estratosférico dos nosos chefs nunha Batalla das Cunchas que conduciu o escritor Manel Loureiro e que venceu o cociñeiro de El Cafetín, Rubén González Vallejo, e tamén para render homenaxe aos 26 anos de historia dunha institución educativa sen a que non poderiamos levar adiante esta ambiciosa estratexia de posicionamento gastronómico de Pontevedra, como é o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, ao que entregamos o merecido Loureiro de Ouro”, sinala a concelleira do PSOE.