A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu, xunto a pregoeira Esther Eiros, o pistoletazo de saída do San Froilán 2022, destacando o inmenso traballo realizado pola xornalista lucense para a promoción de Lugo ao fronte do programa ‘Xente Viaxeira’ durante máis de 30 anos, “trasladando as bondades da nosa cidade e toda a nosa riqueza histórica, patrimonial e gastronómica aos fogares do miles de oíntes que a seguían en toda España”. “Grazas Esther por faciltarlle a Lugo o acceso aos corazóns de todo o país”, destacou.
A rexedora aseverou que “é unha grande honra que hoxe nos acompañe unha figura clave na promoción de destinos turísticos e unha xornalista cunha traxectoria intachable”.
Ante unha multitude de persoas congregadas na Praza Maior, a rexedora destacou a gran implicación da veciñanza de Lugo cos festexos do seu patrón tras dous anos de pandemia e tras o San Froilán desenvolvido o ano pasado, “que nos devolveu á normalidade, aínda que con resticións, e que encheu de ilusión especialmente aos máis pequenos”, dixo. “Outubro volta a ser agora sinónimo de feiral, de mercado, de música e olor a polbo nas casetas. De tradición e folclore. De rúas ateigadas e postos de comida e artesanía. De charangas, desfiles e espectáculos. De reunións familiares e de amigos, de visitantes, en resumo, dunhas festas vivas que se desenvolven sen complexos e que vos convido a gozar como nunca”, incidiu.
Na lectura do pregón estiveron presentes as e os concelleiros do equipo de Goberno e do resto da Corporación municipal, así como autoridades das distintas administracións como o presidente da Deputación, José Tomé; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o delegado da Xunta, Javier Arias, e o Vicerreitor da USC, Francisco Fraga, entre outros.
Pola súa banda, Esther Eiros agradeceu a oportunidade de ser a pregoeira e puxo de relevo a importancia do xornalismo para potenciar a economía turística, así como a necesidade de apoiar a industria vinculada co turismo, especialmente tras os duros anos de pandemia, tamén desde os fondos Next Generation.
Ademais, a xornalista non quixo esquecerse de reivindicar mellores comunicacións para Lugo, para que a cidade non perda oportunidades.
Antes da súa intervención, recibiu de mans da rexedora lucense un baúl de viaxe conmemorativo da súa condición de pregoeira 2022. No mesmo estaba gravado: “Un baúl de experiencias, un baúl de lembranzas, ... un anaco de Lugo para que te acompañe nas túas viaxes”.