O Castelo de Soutomaior arranca as esperadas visitas teatralizadas con motivo dunha data tan sinalada no calendario galego como é o Samaín, unha iniciativa que ofértase coma unha opción turística e de lecer “divertida, terrorífica e misteriosa” para a que non queda unha soa entrada. Tan só un día despois de saír á venda, as 840 prazas voaron para poder desfrutar destes percorridos cargados de misterio e humor e coñecer dun xeito diferente a historia da fortaleza. A Deputación de Pontevedra dividiu as visitas en dous tipos de audiencia, 20 sesións para público familiar e 8 para público adulto.
Os percorridos, dunha hora de duración, arrancaron o sábado coas primeiras visitas teatralizadas para público familiar. Nestas sesións, a participación das familias será esencial para descifrar os enigmas do Castelo. Terán como protagonistas aos científicos Von Furenberg e Irina Calselberg, xunto ás autómatas Brunilda Kartoffel e Vettel Zanfonike, nunha delirante historia ambientada no principio do século XX e cunha estética steampunk. Despois desa xornada, as sesións desenvolveranse despois os días 2, 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de outubro, coa posibilidade de elixir dous horarios por xornada, ás 12 e as 16.30 horas.
No caso das visitas teatralizadas dirixidas ao público adulto, comezan o 7 de outubro, e estenderanse ata o día 29. No percorrido, os e as participantes poderán coñecer a historia do Castelo dunha forma “terrorificamente diferente”, acompañados de dous peculiares guías, Félix e Angustias, que iniciarán unha visita normal para amosar a historia do Castelo, aínda que acabará sendo diferente. Ao longo do percorrido, espéranlles sucesos paranormais sen solución e, para poder saír da fortaleza, necesitarán pasar unha serie de probas non aptas para xente con medo. No caso destas visitas para público adulto, despois do día 7 haberá sesións o 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro, e terán lugar ás 19.30h.