Ecolugo dótase de triciclos eléctricos para unha limpeza máis eficaz xa en San Froilán


O servizo municipal de limpeza viaria e recollida de lixo conta desde esta semana cunha ducia de triciclos eléctricos que, se ben se empregarán de forma permanente nos dispositivos ordinarios de traballo, estes días permitirán xa ao persoal intensificar o baleirado de papeleiras do centro da cidade durante as festas patronais.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, estiveron presentes na entrega destes novos equipamentos cos que se pretende exercer unha supervisión continua do estado no que se atopan as zonas nas que se agarda unha maior aforo e concentración de actividades polo San Froilán.

“Os vehículos, denominados ‘eTrike’, dispoñen dunha autonomía de até 65 km e inclúen un caixón traseiro con capacidade para 90 litros o que posibilitará levar a cabo un mantemento áxil e continuado de zonas específicas”, explicou o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández lembrou, igualmente, que estes triciclos poderán ser cargados nos diferentes cuarteliños que se están habilitando na capital. Instalacións onde as brigadas que asumen as tarefas de aseo da cidade poden organizarse antes de iniciar a súa quenda.

“Trátase de dependencias que contribuirán a acadar un maior rendemento da maquinaria, en tanto acurtarán os desprazamentos dos equipos que serán utilizados na contorna próxima, e permitirán ao persoal dotarse do material que precisen en cada momento, diminuíndo o traxecto que deben percorrer para chegar aos puntos de actuación”, sinalou.

Actualmente xa se atopan operativos dous dos catro previstos, en San Isidro Labrador e Catasol, mentres que proximamente entrarán en fucionamento os situados en Río Ser e Clérigos. Este último exercerá, alén, como Oficina de Atención ao Público e Aula Medioambiental co obxectivo de canalizar nela as demandas da veciñanza e fomentar a concienciación cidadá ao respecto da conservación e coidado da cidade.