O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega da XXVIII edición dos Premios Publicidade en Galego, convocados conxuntamente pola Xunta, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador, co obxectivo de promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan xeral de normalización lingüística.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou aos galardoados “pola súa creatividade e orixinalidade técnica e lingüística e por ilustrar e visibilizar un compromiso firme de responsabilidade social coa lingua galega”. Neste acto tamén interviñeron Miguel Ángel Santalices e José González, presidente do Foro Enrique Peinador.
Os premios desta edición, que se corresponden con traballos realizados en 2020, foron entregados atendendo a cinco categorías distintas segundo o medio de difusión: radio, televisión, Internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos.
Na categoría de radio, o premio foi para a Asociación PuntoGal polo seu proxecto Abre na rede da axencia Quattro IDCP, no que se asocia a lingua galega ás redes sociais e, en televisión, para R Cable e Telecable Telecomunicacións por Vai escampar, tamén da axencia Quattro IDCP.
Na categoría de internet, premiouse o Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro (CRDO Ribeiro) polo anuncio Treixadura-Modo Ribeiro da axencia Nasas. En prensa escrita Aqualia con A auga en Vigo é de alta calidade da axencia Ecovigo Publicidade, na categoría de centro educativo, o Centro Integrado de Formación Profesional CIFP Leixa por Cambio climático, elaborado por dous alumnos e unha profesora deste centro.
Así mesmo, o xurado outorgoulle por unanimidade unha mención de honra á empresa Sistemas de Seguridade A1, polo seu uso continuado na comunicación e difusión publicitarias. Para cada categoría, agás para a especialidade educativa, configuráronse dúas modalidades de premio, de xeito que polos traballos galardoados recibiron cadanseu premio tanto a empresa anunciante como a axencia de publicidade.