Conxemar: referente mundial do sector industrial e produtos do mar


Vigo sitúase como a cidade “referente mundial do sector industrial dos produtos do mar”. Así o asegurou a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, durante a inauguración do X Congreso Internacional Conxemar-FAO que se celebra este 3 de outubro no Centro Social de Afundación.

Neste sentido, sinalou que “estamos ante unha cita que xa se converteu nun escaparate único para importadores, transformadores e exportadores nun contexto de incertidume económica xeralizada”. Asimesmo, ofreceu a colaboración da Xunta e solicitou aos participantes no congreso que aporten as súas conclusións “para mellorar a nosas liñas de actuación en todas as frontes”.

Sobre a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), que se celebrará o 4 e o 5 de outubro, Fernández-Tapias destacou os investimentos do Goberno galego no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), 23 millóns de euros desde 2015 (8,3 millóns no novo pavillón 5), para ofrecer máis espazo co que ampliar o aforo. “Conxemar abre as súas portas un ano máis e faino nun lugar máis moderno, mellor preparado e máis amplo, para dar cabida a todas as empresas que demandaron ter un espazo propio”, explicou.

Ademais, a delegada apuntou que a Xunta apostou por facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva para captar investimentos de alto compoñente loxístico co fin de impulsar o armazón industrial actual e de futuro. “Somos un enclave internacional estratéxico, territorial e marítimo, para fluxos de mercadorías e tamén unha base loxística para a apertura comercial e o reforzo en competitividade do tecido empresarial, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico de toda a comunidade”, indicou.

Tamén dirixiuse ao Goberno central para pedir que “reaccione de forma urxente” ante a decisión de Bruxelas de aprobar o regulamento polo que se procede a vetar á pesca de fondo en preto dun centenar de áreas de augas comunitarias. “Galicia vai seguir pelexando e buscando alianzas con outras comunidades autónomas e rexións europeas pesqueiras co obxectivo de mostrar a unidade contra esta prohibición”, engadiu.A delegada tamén aproveitou a súa intervención para dar a benvida a Galicia a todos os axentes que van participar no congreso e na feira que se celebrará estes días en Vigo. “Conxemar amosa o papel preponderante de Galicia dentro e fóra das nosas fronteiras e a potencialidade rexional enténdese ao coñecer que o 40% das empresas do sector nacional están na nosa comunidade”, concluíu.