Conxemar, próxima cita da DOP Mexillón de Galicia


Conxemar converterá a Vigo durante os días 4, 5 e 6 de outubro en punto de encontro do sector do mar nacional e internacional. Esta feira converteuse nunha das máis importantes do mundo e concita a atención de maioristas, importadores, exportadores, transformadores, fabricantes e distribuidores chegados desde distintos puntos do planeta.

Neste escenario estará a DOP Mexillón de Galicia, que continúa así coa ambiciosa estratexia de promoción que está a desenvolver en distintos ámbitos. Conxemar é unha gran oportunidade para mostrar a un público profesional e internacional os valores que fan de Mexillón de Galicia un selo de referencia no mercado, garante da orixe galega do mexillón e dunha calidade superior, dúas características que lle confiren un valor engadido ao que o consumidor non quere renunciar e tampouco as empresas que comercializan mexillón co noso distintivo.

No expositor da DOP ofrecerase información das particularidades que converten a Mexillón de Galicia nun alimento único (unha produción natural, a riqueza en nutrientes das rías galegas, os controis de calidade aos que está sometido…), as súas extraordinarias cualidades nutricionais e como identificalo grazas ao seu inconfundible distintivo. Tamén estarán ao dispor dos profesionais os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.

A presenza nesta feira permite ademais contactar con novas compañías con interese en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Igualmente, ofrecerase a empresas de distribución alimentaria a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.