Convocada unha nova edición das Catas de Queixos e Meles de Galicia


A Xunta organiza unha nova edición das Catas de Queixos e Meles de Galicia, en colaboración cos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexida dos queixos e da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia. Así, todos aqueles interesados en participar neste certame teñen de prazo ata ás 14,00 horas do vindeiro 27 de outubro para enviar o correspondente boletín de inscrición debidamente cumprimentado ao consello regulador correspondente, quen certificará que as empresas que se inscriban cumpren os requisitos e condicións establecidas nas bases do concurso.

Deste xeito, celebrarase a XXV Cata dos Queixos e a XXI Cata dos Meles de Galicia. En cada unha desas catas, haberá diferentes categorías ás que poderán concursar os participantes, aínda que só se poderá presentar unha marca por categoría esubcategoría, debendo esta atoparse en comercialización e amparada polo consello regulador da denominación de orixe correspondente.Toda a información relativa ás bases do concurso e as inscricións pódense consultar na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/alimentacion/cata-queixos-meles.

O persoal da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, é o encargado de desenvolver con todas as garantías, o rigor e a seriedade un dos concursos agroalimentarios máis importantes de Galicia. Nel escóllense os mellores queixos e meles galegos nas súas diferentes categorías.