A sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro acollerá o vindeiro venres 21 de outubro o acto de presentación do libro ‘Tambo, la isla en el tiempo’. Trátase dunha obra cuxo autor é José Manuel Pidre Novás, a través da cal fai un exhaustivo repaso á historia desta emblemática paraxe. A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, explica que esta cita forma parte das actividades que desde o Concello de Poio se impulsan para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico Artístico. Neste sentido, Rodríguez Alonso lembra “o estreito vínculo que historicamente uniu a Tambo non só co noso municipio e coa bisbarra, senón tamén, dun xeito máis forte, coa parroquia de Combarro”.
A través das máis de 200 páxinas das que consta o libro, os e as lectoras poderán coñecer valiosa información sobre as peculiaridades da Illa de Tambo. Pidre Novás, que foi recibido estes días no Consistorio pola propia edil de Cultura e a responsable de Normalización Lingüística, a tamén nacionalista Marga Caldas, aborda varias cuestións, como os diferentes cambios de propietarios que dispuxeron deste espazo ao longo da historia, así como a utilización que a veciñanza facía dos terreos existentes na illa mentres tiveron ocasión de gozala. Ademais, tamén se detén en temas como a particularidade do lazareto, que só chegou a estar operativo durante menos de 15 anos, ou o uso militar que se fixo da illa durante boa parte do século XX. Cómpre lembrar que Tambo quedou desmilitarizada no ano 2002 e, 20 anos despois, o Concello acadou unha concesión demanial co Ministerio de Defensa, que permite a realización de visitas guiadas durante os festivos e fins de semana.
Raquel Rodríguez anima a asistir a este acto e agradece tamén a colaboración amosada pola Comunidade de Montes de Combarro, ao ceder as instalacións para esta presentación.