Cen participantes en Lugo no curso de achegamento á micoloxía


O Pazo de San Marcos, en Lugo, acolle un centenar de participantes nas xornadas micolóxicas organizadas pola Deputación, unha acción formativa que imparte a Sociedade Micolóxica Lucus e que se desenvolve ao longo de toda a semana no Salón de Actos e nos bosques do entorno do Río Rato

O deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, destacou que a institución provincial, como xestora desta reserva da biosfera, impulsa este tipo de iniciativas “que forman parte do noso compromiso de preservar a biodiversidade e de favorecer o aproveitamento sostible dos nosos recursos naturais, pero tamén de afondar nunha tradición moi arraigada na nosa provincia”

Estas xornadas micolóxicas inclúen un total de 13,5 horas de formación, divididas en 5 días de sesións teóricas, impartidas no Salón de Actos da Deputación; e unha sesión práctica, dunha duración de tres horas e media, que terá lugar o sábado polos bosques próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño. Os participantes coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais; as boas prácticas a empregar na actividade micolóxica e a identificación das diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats.