As covas de Valdeorras, exemplo de sostibilidade e eficiencia enerxética


Valdeorras conta con máis de 1.000 covas espalladas por toda a comarca. Trátase de adegas subterráneas concibidas para a conservación do viño que, na actualidade, conforman parte do patrimonio etnográfico e vitivinícola da zona constituíndo, ademais, un exemplo de sostibilidade e de eficiencia enerxética.

Así o puxo en valor a arquitecta técnico Carina Rodríguez, no marco da súa intervención no I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras, promovido pola Ruta do Viño. A sesión de traballo realizouse no Centro Cultural Avenida da Rúa e contou cun panel de expertos que centraron os seus relatorios en resaltar o potencial turístico da comarca ligándoo ao Camiño de Inverno, así coma aos seus viños, tradición e Historia.

Vasto patrimonio Carina Rodríguez, unha das estudosas máis importantes das covas de Valdeorras, cualificou de “vasto patrimonio” o conxunto etnográfico que compoñen estas construcións na comarca. Ao seu xuizo, queda por diante “un camiño moi interesante por percorrer para dar a coñecer e promover este activo arquitectónico, único en Galicia”.

Neste sentido, considera que deseñar unha proposta turística que teña en conta viño e arquitectura sería bo para “atraer turismo de calidade cara a comarca”.

A experta sinalou que o valor diferencial das covas de Valdeorras respecto das existentes noutros territorios de España que albergan construcións similares radica en que existe diferente tipoloxía segundo se asenten nun chan de arxila, nun chan granítico ou nun chan de lousa. É dicir, as covas difiren en función da xeoloxía do terreo.

Pola súa babda, o editor da publicación Viños e Camiños, Antón Alonso, puxo de manifesto que “o Camiño de Inverno é xa un activo turístico” para a comarca. “Pero serao moito máis se o unimos á Ruta do Viño, á paisaxe da contorna, ao patrimonio natural arquitectónico e singular da zona (como, por exemplo, o conformado polas covas), así como á Historia e tamén ao eido da pizarra”.

Ao seu xuízo, o “importante é crear unha marca forte que identifique Valdeorras co fío condutor do viño e do Camiño”. Ao tempo, o editor de Viños e Camiños deu a coñecer aos asistentes a finalidade desta publicación. Trátase, segundo dixo, dunha publicación de turismo nun amplo sentido que fai referencia a diferentes eidos relacionados con este ámbito. Diríxese a un público global e difunde as súas novas en castelán e, ás veces tamén, en galego e portugués. “O proxecto arrincou en 2017 cun excelente equipo de colaboradores que nos permitiu posicionarnos moi ben”, sinalou.

Ademais de Rodríguez e Alonso, participou na xornada o catedrático Rubén Camilo Lois, que abordou O camiño como experiencia turística transversal.

Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda especificamente centrada nas covas que incluíu expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer, o xerente da cova da Xabreira, Simón Val, a xestora turística Laura Mondelo ou o membro da xunta directiva de Hispania Nostra, Juan Ayres.