Aposta institucional lusogalaica para potenciar o territorio transfronteirizo do Miño


A ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa comprometeuse “cos proxectos prioritarios” para o territorio do Miño transfronteirizo na súa visita á Deputación de Pontevedra. A mandataria lusa visitou a institución provincial para manter un encontro de traballo no que recibiu da man da presidenta Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez –xunto a representantes da CIM Alto Minho-, un documento denominado a ‘Declaración de Pontevedra’ no que se trasladaron sete puntos “estratéxicos” para ser tratados na Cimeira Ibérica do vindeiro 4 de novembro en Viana do Castelo.

No encontro estiveron tamén presentes, ademais dos representantes provinciais, o delegado do Goberno José Manuel Miñones, a secretaria de estado da Valorización do Interior de Portugal Isabel Ferreira, os representantes da CIM Alto Minho Manoel Batista e Bruno Caldas e tamén o vicedirector do AECT Rio Minho, Rui Teixeira. Todos eles fixeron as súas contribucións sobre as propostas para o desenvolvemento transfronteirizo.

A ministra subliñou o excelente traballo que está a realizar o AECT Rio Minho e destacou a coincidencia nas prioridades amosadas polo agrupamento, que inspiraron a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza aprobada polos gobernos estatais na pasada Cimeira Ibérica. Destacou Abrounhosa que en termos empresariais, de cultura, de protección civil, na área social “temos toda a vantaxe en cooperar”, por iso manifestou a importancia de traballar en conxunto para facer desaparecer a fronteira “que na pandemia xurdiu con grande ruído”.

Por todo isto, destacou que “como ministra con responsabilidade no territorio quero transmitir, presidenta Carmela, que a nosa cooperación non só unha manifestación, senón que queremos desenvolver as nosas rexións e países. Ten vostede o compromiso da ministra nos proxectos prioritarios do AECT Rio Minho. Temos estratexia, que está aliñada coa estratexia dos fondos comunitarios, temos as prioridades ben definidas, temos os recursos... Mans á obra!”, salientou a mandataria lusa, “porque gañarán as persoas, as empresas e todos aqueles que servimos á cidadanía”.

Manifestou tamén Abrounhosa o seu empeño en que os fondos POCTEP vaian dirixidos realmente aos territorios de fronteira, aceptando que as entidades receptoras poidan ser de orixes diversos, mais sempre beneficiando a rexións pegadas á raia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou a honra que supón a visita da ministra de Coesión Territorial e da secretaria de Estado de Valorizaçao do Interior, “dúas mulleres fortes e con capacidade de decidir en Portugal”. Considerou que coa súa presencia en Pontevedra dan valor á mesa de traballo celebrada hoxe na Deputación e permiten preparar as cuestións da máxima relevancia que se van tratar no Cumio Ibérico do 4 de novembro.

Carmela Silva confiou en que nesa ‘Cimeira’ se avance na saída Sur de Vigo en alta velocidade. “Sabendo que hai un compromiso total dos Gobernos de España e Portugal, como presidenta da Deputación, demando que a alta velocidade una a Eurorrexión, e que esa saída Sur que reclama a provincia de Pontevedra e Vigo, co apoio da AECT, sexa unha realidade máis pronto que tarde. Estou convencida de que aquí será”. Ademais animou a ambos gobernos a definir acordos para a defensa medioambiental do río Miño, “o pai de ambos lados da fronteira”.

Carmela Silva destacou que é preciso “facer máis Europa desde este lugar do mundo, facilitando a comunicación transfronteiriza con proxectos conxuntos e co desenvolvemento dunha política industrial común”. A presidenta provincial recalcou que a AECT Rio Minho, impulsada pola Deputación e a Comunidade Intermunicial do Alto Minho, é a que “mellor funciona” entre todas as que articulan o territorio transfronteirizo entre España e Portugal, “porque ten visión de futuro, baséase en novos valores da política e da economía, no respecto ao medio ambiente e na capacidade de construír espazos onde as persoas poidan ter garantido o dereito a unha vida de calidade”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno José Manuel Miñones agradeceu a sensibilidade da ministra Ana Abrounhosa con Galiza e o territorio. “Nesta xuntanza verase refrendada esa sensibilidade con acordos que levaremos á Cimeira”, subliñou, destacando que a cooperación e a alianza entre España e Portugal é un referente para toda Europa, facendo fincapé na excepcionalidade ibérica, no corredor de enerxía verde ou noutros asuntos a curto, medio e longo prazo como a alta velocidade.

Durante o encontro de traballo as representantes da Deputación, AECT Rio Minho e CIM Alto Minho entregaron á ministra Abrounhosa a denominada ‘Declaración de Pontevedra’, un documento asinado polas tres institucións de cooperación con sete propostas “estratéxicas” para abordar na Cimeira Ibérica.

No documento arguméntase que o territorio transfronteirizo do Río Miño ten importantes características comúns e forte interdependencia nas súas relacións económicas, sociais e culturais e que a súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión fai do Río Miño un espazo de cooperación singular que abrangue a zona de fronteira máis dinámica e de potencial socioeconómico entre España e Portugal.

Lembraron os perxuízos do peche das fronteiras durante a covid e subliñaron que por ese motivo é fundamental desenvolver varias prioridades para o desenvolvemento na cooperación transfronteiriza España-Portugal. Entre elas destacaron o desenvolvemento Local e Cohesión Terrritorial no Río Miño Transfronteirizo, coa posibilidade dunha Intervención Territorial Integrada ou a aposta por un proxecto gobal de desenvolvemento territorial estruturante no marco da novo programa Interreg.

Tamén se plantexou a necesidade de fomentar a conectividade e desenvolvemento empresarial garantindo investimento público para mellorar a unión e transporte de mercadorías entre o aeroporto de Vigo, os Portos de Vigo e Viana do Castelao, as infraestruturas viarias (A52 na Galiza e A3, A28 e A27 en Portugal) e a rede de parques empresariais e centros de loxística.

Pediuse unha aposta polo corredor atlántico ferroviario, cun apoio claro da alta velocidade Vigo-Porto cunha mellora da liña e o aumento do número de frecuencias e o aproveitamento da actual infraestrutura –mellorada- para ser explotada como tren de proximidade transfronteirizo que permita ao territorio conectar os grandes núcleos urbanos entre ambas cidades.

Tamén se falou de “facer máis Europa” integrando a cidadanía e facilitando a mobilidade transfronteiriza impulsando proxectos singulares de mobilidade local, como o da ponte peonil e ciclable entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira no que a Deputación xa ten redactado o proxecto. A mellora da cobertura, a posta en marcha a Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, ou a defensa ambiental dun recurso natural común como é o Río Miño.