O Goberno municipal herculino aprobou a adxudicación, á UTE composta polas empresas Prace Servicios y Obras e Xestión Ambiental de Contratas, das obras do novo mercado de Monte Alto, traballos que contan cun orzamento de 10,4 millóns de euros.
A intervención contempla, neste sentido, a creación dun mercado provisional para que os praceiros e as praceiras poidan seguir desenvolvendo a súa actividade durante os meses que dure a obra.
O novo mercado incorporará tamén melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en acristalamentos como en sistemas de calefacción; así como melloras nos equipamentos e inclúe ademáis a reforma da escola infantil de Monte Alto e da praza. Tamén se actuará sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada.
Dentro do orzamento, ese mercado provisional que se edificará terá un custo de 850.000 euros. A urbanización exterior e a nova rúa peonil chegará case aos 500.000 euros de orzamento, mentres que os traballos na escola infantil ascenderán a 140.000 euros. O resto destinarase aos traballos relacionados co novo edificio. Ademais, está prevista a plantación de árbores na praza e nas beirarrúas, dando á contorna un maior atractivo para a cidadanía.
O prazo de execución, toda vez que se poñan en marcha os traballos, será de 26 meses. "Coa adxudicación deste proxecto queremos dar resposta ás necesidades tanto das persoas traballadoras da propia praza como aos veciños e veciñas do barrio de Monte Alto", sinalou Inés Rey, "que gañarán en servizos e calidade urbana cun dos investimentos máis elevados do actual mandato".