A Xunta abre o programa de Benestar social en balnearios


A Consellería de Política Social e Xuventude ten en marcha unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios” cunha oferta dun total de 637 prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. Haberá diferentes quendas, desde o 1 de novembro ao 17 de decembro e as solicitudes poderán presentarse ata o 24 de outubro.

Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55 que reúnan a condición de pensionista por xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Os solicitantes deberán estar empadroados e residir nalgún Concello da comunidade galega. Terán que valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa. 

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade. Tamén poderán participar como acompañantes os fillos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre e cando se poidan desprazar con autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade. 

As estadías son de dez días con diferentes quendas nos meses de novembro e decembro. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario, entre os 269,17 e os 377,89 €. A Xunta subvenciona entre o 36 e o 43% dos custos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.gal ). Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial en calquera rexistro da Xunta ou nas oficinas de Correos.

Nesta convocatoria participan un total de 15 balnearios de toda Galicia. Da provincia da Coruña o Balneario de Carballo e o de Compostela (Brión). Da provincia lucense están o Balneario de Augas Santas (Pantón), o Balneario de Lugo-Termas Romanas e Río Pambre (Palas de Rei). De Ourense participan os establecementos termais de Baños de Molgas, Arnoia, Laias (concello de Cenlle), Lobios e o Gran Balneario do Carballiño. E en Pontevedra os balnearios de Mondariz, Baños da Brea (situado en Vila de Cruces), Termas de Cuntis e os balnearios Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis).