A ocupación turística en Pontevedra acadou en setembro parámetros previos a pandemia


O turismo segue nunha espectacular dinámica na costa e no interior das Rías Baixas. Tras uns meses de xullo e agosto históricos en visitas, a provincia volveu sacar músculo en setembro cunha ocupación media do 61,8%, o que supón 9,3 puntos máis que no mesmo período de 2021. “Os datos son magníficos en todas as comarcas, nalgúns casos espectaculares. É un dos mellores setembros dos últimos anos e xa estamos nos parámetros previos á pandemia”, destacou ao facer balance a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A presidenta explicou que o resultado de setembro superou as propias expectativas da institución, que situara a previsión no 59%. A provincia revalida o seu liderado en Galicia e rexistra aumentos que chegan ao 28% nalgunhas comarcas, como é o caso de Condado-Paradanta. A comarca de Vigo obtivo a ocupación máis alta, co 71,5%, seguida de Caldas cun 70,2% e un espectacular incremento do 23%. Pontevedra e Baixo Miño situáronse por riba do 63%, mentres que Condado-Paradanta alcanzou o 62%, O Salnés obtivo case un 58%, Deza-Tabeirós superou o 51% e O Morrazo acadou o 49%.