A cultura gastronómia protagonista do III Encontro ...E para comer Lugo no Camiño


A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) celebrou este luns por terceiro ano consecutivo o Encontro Gastronómico e Cultural …E para comer, Lugo no Camiño, unha xornada sobre a cultura gastronómica dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo.

Abriu a xornada o presidente da Apehl, Cheché Real, quen inaugurou o evento agradecendo a todos os colaboradores do mesmo e resaltou “o labor que se está facendo con este tipo de iniciativas para poñer a Lugo no lugar que merece”. O acto continuou coas intervencións da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; da deputada da área de Formación, Ensino e Economía do coñecemento, Ana González; do edil de Infraestructuras Urbanas do Concello de Lugo, Alexandre Penas, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Seguidamente fíxose unha presentación do vídeo Lugo, porta de entrada a Santiago de todos os Camiños e da campaña publicitaria Reciclaxe, centrada na importancia da reciclaxe do vidro no sector.

A continuación subiron ao estrado os cociñeiros Nardo Eiroa, do restaurante Canedo, que elaborou o plato Tartar acebichado de vieira e bonito; Diego López, do restaurante Bulló Xantar, coa súa proposta Ensalada de algas e polbo prensado; Alejandro Méndez, de Os Cachivaches , con Saam de papada de porco; e Pablo Vila, da cadea Oca Hoteles, que elaborou o postre Cebreiro-mel-castañas.

Tras estas catro demostracións de cociña, que foron degustadas polo público asistente, o barista José Manuel Portela, responsable de formación de Cafés Candelas, fixo unha demostración que titulou Café dos Camiños a Compostela.

O evento rematou á tarde cun obradoiro para nenos de entre 6 e 12 anos. A través da ciencia realizaron unha viaxe virtual polo Camiño de Santiago con distintas paradas pola provincia de Lugo.