Taller formativo sobre micoloxía en Celanova


 A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar en Celanova un taller formativo sobre micoloxía. O curso comezaría o vindeiro xoves 27 de outubro e se celebrará ao longo de tres días en horario de 10,00 a 14,00 e de 18,00 a 21,00 horas.

O obxectivo deste curso é formar aos alumnos para que poidan identificar correctamente as diferentes especies de cogomelos da zona, ao tempo que coñecen a normativa referente ao aproveitamento silvestre, a micorrización e a comercialización das producións. Deste xeito, a formación divídese nunha parte teórica e outra práctica, que contará cunha saída ao monte o último día.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.