30.000 barcos de papel serán botados o día 24 en defensa de Ferrol Patrimonio Mundial


O Concello de Ferrol botará o próximo luns, 24 de outubro, os arredor de 30.000 barcos de papel biodegradable elaborados no marco do proxecto ‘Contamos contigo’, unha iniciativa posta en marcha pola Administración local co obxectivo de promover e defender a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

Deste modo, a partir das 12 horas botaranse os barcos ao mar desde unha embarcación, en colaboración coa Armada, que partirá desde o Arsenal con preto de 70 persoas a bordo entre membros das asociacións veciñais, sociais, persoas maiores, nenos dos colexios participantes e particulares que colaboraron mediante a elaboración dos barcos de papel no proxecto de promoción da proposta ferrolá.

O acto, que durará arredor dunha hora, é a guinda final dun proxecto que se xestou coa vontade de achegar á cidadanía os detalles da candidatura ao tempo que dar a coñecer os bens que integran a proposta ferrolá. Neste obxectivo creuse a web https://ferrolpatrimoniomundial.gal/, na que se rexistraron xa máis de 5.200 adhesións. “É moi importante implicar á cidadanía e especialmente aos os nenos, para que coñezan a riqueza da cidade na que viven”, apuntou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. Nas últimas datas unha representación dos barcos estiveron expostos no centro municipal Torrente Ballester.

A edil destacou “o carácter ecolóxico do papel empregado para desenvolver os barcos”. Explicou que “das algas extráese a celulosa sen ningún proceso químico. Ao volver ao mar desfaise completamente deixando a esencia de algas da que xurdiu”. Deste modo “serven de alimento para o plancto ao ser de algas”.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, apuntou que nas próximas datas o Concello de Ferrol presentará máis accións similares co fin de seguir promovendo a candidatura en centros escolares.