Visitas teatralizadas e guiadas ao Castro do Alto dos Cubos, en Tui


O Castro do Alto dos Cubos, en Tui, é un dos lugares onde se vai desenvolver o programa “Historias cavadas”. Trátase da segunda edición deste programa de visitas teatralizadas aos xacementos arqueolóxicos da provincia promovido pola Deputación de Pontevedra. No mesmo realizaranse dúas visitas ao Castro do Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos, localizado nas abas do Parque Natural do Monte Aloia o venres 16 de setembro ás 18.00 horas e o sábado 17 de setembro ás 12.00 horas.

Ofértanse 30 prazas para cada visita, debendo as persoas interesadas realizar a inscrición e reserva a través do correo: historiascavadas2022@gmail.com. Esta actividade vén da man do teatro e da escenificación da compañía Troula Animación. Son visitas accesibles e inclusivas, coa posibilidade de intérprete de lingua de signos baixo demanda.

A protección, conservación e difusión do noso patrimonio é un dos cometidos das administracións públicas; neste caso, a Deputación de Pontevedra vela e colabora co mantemento do noso patrimonio para que se lles poida transmitir ás xeracións futuras. Unha vez emprendida a musealización nos castros da provincia coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Ministerio de Fomento e dos propios concellos, e co compromiso da súa dinamización in situ, o pasado 2021 a Deputación puxo en marcha un programa de visitas teatralizadas desde a sustentabilidade, a accesibilidade e a inclusión de todos os públicos.

O obxectivo que se procura coas actividades nestes enclaves patrimoniais é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e a indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara ao futuro.

Por conseguinte, tras o éxito da primeira edición, a Deputación de Pontevedra, a través da súa área de Cultura, fai medrar o programa e pon en marcha a segunda tempada de “Historias cavadas”, esta vez en cinco novos castros da provincia neste mes de setembro e da man do teatro e da escenificación coa compañía Troula Animación, entre eles o Castro do Alto dos Cubos no Parque Natural do Monte Aloia de Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, congratúlase por esta iniciativa da Deputación Provincial que valoriza este singular enclave arqueolóxico do municipio tudense, e que forma parte do amplo conxunto patrimonial que atesoura o noso concello.