Vilagarcía e Matosinhos intercambian ideas para a posta en marcha de proxectos conxuntos de desenvolvemento a través de “O mar que nos une”
A primeira xornada do intercambio entre Vilagarcía e Matosinhos permitiu afondar no coñecemento mutuo entre ámbalas dúas cidades, tanto a nivel institucional, como dos sectores socio económicos de cada unha delas, co obxectivo de poder aproveitar sinerxias e plantear proxectos conxuntos de desenvolvemento e dinamización beneficiosos para as dúas.
A delegación vilagarciá foi recibida na Cámara Municipal de Matosinhos pola súa presidenta, Luisa Salgueiro que, xunto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, foron os encargados de abrir as xornadas. Os dous rexedores destacaron a importante oprtunidade que a reactivación do irmandamento pode representar para o futuro das dúas cidades a través do proxecto “O mar que nos une”, que conta co apoio da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e que financia a Comisión Europea no ámbito da convocatoria do programa CERV (Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores).
Varela e Salgueiro insistieron nas numerosas similitudes que teñen Vilagarcía e Matosinhos e os lazos que as unen dende 1959, cando a raíz da relación iniciada polos equipos de fútbol do Arosa S.C. e o Leixeoes, se levou a cabo o irmandamento entre as dúas cidades.
Malia diferencia de tamaño, Matosinhos ten 170.00 habitantes, e Vilagarcía preto de 48.000, as sinais de identidade, sectores produtivos, historia e tradición, son moi similares, ao igual que os obxectivos e proxectos de futuro no que ámbolos dous municipios están a traballar, en materia de desenvolvemento sostible, promoción turística, modelo de gobernanza con participación da cidadanía, mobilidade... Cidades costeiras, cun forte peso do mar na súa economía, tanto no que á pesca como ao turismo se refire, portos de interese xeral e a fusión entre tradición e modernidade, son outros dos aspectos que unen a Vilagarcía e a Matosinhos.
Unha das semellanzas que teñen e que ambos municipios queren explotar é a tradición Xacobea. Matosinhos, ao igual que Vilagarcía forma parte da ruta dos Camiños de Santiago. Festivais musicais e eventos culturais, feiras e congresos e proxectos de innovación e investigación no eido do mar, son algunhas das ramas nas que se queren promover actividades conxuntas, tanto de iniciativa pública como privada, para ser formuladas como candidatas a optar aos fondos europeos do POTEP. Este programa, incluído no Interrreg 21/27 ten tres eixos fundamentais (en materia de dixitalización e competitividade, transición ecolóxica e participación cidadá e despoboación) a través dos que financiar proxectos transfronteirizos que encaixen nelas. Ademais, para facilitar a captación destes fondos europeos contarán co asesoramento e colaboración da AETEC, tal e como explicou o seu responsable Xosé Lago
Na xornada Vilagarcía presentouse con dous vídeos, un para amosar a cidade e os seus recursos, e outro para expoñer o modelo de cidade no que se está a traballar seguindo as directrices europeas, e outro tanto fixo a vila lusa.
Ademais nunha sesión sectorial coa participación máis activa dos representantes dos sectores socioeconómicos das dúas cidades, expuxéronse os plans estratéxicos turísticos e económicos que están a desenvolver ambos municipios (en Vilagarcía co INVEST, posto en marcha para a captación de investimentos e reactivación da economía local tras a pandemia, e co produto turístico de “A orixe dos Camiños”).
Nunha mesa de traballo e intercambio de ideas entre os representantes de ámbalas dúas delegacións, por parte de Vilagarcía participaron representantes da empresa de procesado e elaboración de produtos do mar Profand, da axencia de turismo Tee Travel, do Centro de Investigacións Mariñas, de Zona Aberta e do Centro Comercial Arousa, dos festivais Atlantic Fest e Revenidas, do Centro de Emprendemento Municipal, da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), dos clubs deportivos Os Ingleses e S.C. Arosa e a artesá Ana Miguéns. Ademais estiveron o responsable municipal do recinto feiral de Fexdega e a técnico de Promoción Económica e Emprego do Concello.
Pola parte de Matosinhos, representantes da AEP e Exponor, da ARM de restaurantes de Matosinhos, do Fórum Océano, CIIMAR, APDL, e empresarios da conserva, o turismo e dos deportes náuticos, así como técnicos das áreas de Economía.