Unha nova campaña en Penas do Castelo suma atractivos para a Ribeira Sacra



A Xunta de Galicia iniciou a pasada semana unha nova campaña no xacemento de Penas do Castelo, unha zona arqueolóxica situada no concello da Pobra do Brollón incluída no ámbito da Ribeira Sacra.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha da actuación, que dá continuidade aos traballos financiados o pasado ano pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que sacaron á luz unha muralla de seis metros de ancho e catro de alto e permitiron datar a ocupación deste espazo na Idade de Ferro. Na visita tamén estivo o alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, entre outras persoas.

Así, tras o achado do pasado ano, o Goberno galego volve colaborar co Concello da Pobra do Brollón, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo para ampliar o coñecemento sobre este espazo coa realización de tres sondaxes manuais nunha superficie aproximada de 55 metros cadrados. A continuación procederase á toma de mostras e a diagnose e consolidación das estruturas que se localicen para garantir a súa conservación.

O proxecto complétase co deseño dun cartel interpretativo para facilitar a visita ao xacemento e a realización dun vídeo con tomas xerais e de detalle que permita divulgar, tamén entre a comunidade local, os resultados dos traballos realizados.

Deste xeito, o obxectivo dos traballos que veñen de comezar é analizar a funcionalidade dun xacemento situado nun entorno moi complicado, encaixado nunha pendente e que probablemente estea vencellado á explotación de mineral, tanto pola riqueza do entorno como polo feito de que o pouco material que ten aparecido son escouras resultantes de traballos de redución do mineral.

O xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo sitúase na parroquia de Salcedo, pertencente ao concello lucense da Pobra do Brollón, nun lugar estratéxico entre a Ribeira Sacra e a Serra do Courel pendurado sobre o curso do río Lor e a moi poucos quilómetros da súa desembocadura no río Sil en Augas Mestas.

A nivel de protección, este xacemento atópase no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Ademais, aparece recollido no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia e incluído no circuíto de visitas guiadas ofertadas polo Concello da Pobra do Brollón.