Unha andaina abre este domingo a primeira vía verde da Coruña


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e os alcaldes dos concellos de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; Tordoia, Antonio Pereiro e Oroso, Luís Rey, participan este domingo na inauguración oficial do tramo da Vía Verde que conecta estes municipios.

A inauguración oficial terá lugar ás 10.00 horas na antiga estación de ferrocarril de Queixas-Londoño, en Cerceda. Posteriormente, autoridades e a veciñanza dos concellos que desexen sumarse ao evento participarán nunha andaina e marcha cicloturista pola nova senda ciclista, un percorrido de 24 quilómetros que discorre sobre as antigas vías do ferrocarril con diversas áreas de descanso, que coincidirán coas antigas estacións ou apeadoiros do tren. Ata o momento, máis de 500 persoas confirmaron a súa asistencia nos distintos tramos do percorrido.

Cun investimento total de 2 millóns de euros, que contou con financiamento da Deputación e fondos europeos Feder para proxectos locais de concellos de menos de 20.000 habitantes que fomenten a economía baixa en carbono, esta será a primeira Vía Verde da provincia da Coruña. A Deputación e o Concello de Santiago proxectan xa unha segunda fase das obras para conectar a Vía Verde coa capital de Galicia, cun equipamento que terá unha importante repercusión turística e socieconómica para os concellos polos que discorre.

A Vía Verde conta cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Xunto con outras iniciativas como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, a infraestrutura enmárcase na aposta do goberno provincial de Valentín González Formoso para promover un novo modelo de mobilidade sostible e eficiente na provincia da Coruña e contribuirá tanto á conexión e vertebración de núcleos rurais como á promoción do turismo, recuperando a rede ferroviaria abandonada para darlle unha nova dimensión máis ecolóxica e sostible.