Toda a D.O. Rías Baixas está vendimando e xa recolleu 34 millóns de quilos


A estabilidade da meteoroloxía destes días está a permitir que a vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas sexa xa unha realidade no seu conxunto. Despois dunha semana con choivas que retardaron a recollida da uva, todas as adegas das cinco subzonas da denominación están inmersas na campaña 2022.

O director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, concreta que “debido ás inclemencias meteorolóxicas as adegas tiveron que empezar lentamente sempre mirando ao ceo, pero esta fin de semana xa se intensificaron os traballos. De momento recolléronse máis de 34 millóns de quilos de uva”.

O Departamento Técnico está en pleno funcionamento para controlar a orixe e a calidade das uvas que entran nas 178 adegas elaboradoras nesta campaña de vendima. Para iso conta con 23 veedores/auditores, que un ano máis ven reforzados co apoio dos funcionarios da Consellería do Medio Rural e do Plan de Control de Vendima, que desenvolve a Axencia Galega de Calidade Alimentaria como axuda ao traballo de auditoría e inspección que vén realizando este Consello Regulador. “A uva á súa entrada nas adegas ten un perfecto estado sanitario e un bo nivel de calidade”, indica Agustín Lago, quen asegura que “en referencia ás cifras de recollida do Informe de Estimación da Colleita 2022, presentado polo Órgano de Control e Certificación, aínda que é difícil de precisar, si se poderían alcanzar os 41,3 millóns de quilos de uva”.

As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e Ribeira do Ulla, esta última para elaborar veu base para espumoso. Neste momento, as adegas da denominación recollen as variedades brancas (levan 33.955.000 kg.) para logo dar paso ás tintas, das cales ata o de agora só recolléronse 45.000 kg. O director técnico lembra que, ao repartirse a superficie de viñedo en cinco subzonas, “a extraordinaria diversidade en termos microclimáticos fai que as condicións de maduración da uva, e por tanto a vendima, difira entre viñedos dependendo da proximidade á costa, a altitude, a orientación, a exposición… e prolongue o período de vendima”.

O ciclo vitícola na campaña 2022 estivo caracterizado por un inverno moi cálido e seco; tamén por unha primavera moi cálida e moi seca. O mes de xuño foi normal e húmido, aínda que cunha gran variabilidade; e o verán, en xeral, foi moi seco, con ausencia de precipitacións.

A vendima na D.O. Rías Baixas faise a man. A uva deposítase en caixas de menos de 30 kg de plástico alimentario, perforadas, segundo as normas de vendima.

Na presente campaña hai 178 adegas rexistradas. A superficie de viñedo desta Denominación de Orixe abarca 4.324 hectáreas, aumentando en 140 hectáreas, todas elas repartidas en 22.808 parcelas nas que traballan 5.016 viticultores.