Suspéndese a ruta dos catamaráns polo Miño nos Peares


A Deputación de Lugo informa de que a empresa Naturgy Generation SLU, titular dunha concesión para o aproveitamento de auga no río Miño con destino á produción de enerxía eléctrica, vén de comunicarlle que ten previsto realizar a partir de outubro un descenso do nivel do encoro dos Peares para realizar o mantemento do selo inferior das comportas da presa.

Isto imposibilita que as embarcacións que cobren a ruta fluvial en catamarán polo Miño, que parte do Saviñao, poidan navegar con seguridade, polo que a institución provincial vese na obriga de suspender este servizo a partir do día 9 de outubro, quedando operativos os catamaráns polo Sil, que saen do embarcadoiro Ponte do Sil, en Monforte de Lemos.

A Deputación porase en contacto coas persoas que xa fixeran a súa reserva na ruta polo Miño dende o 10 de outubro ata finais de ano, informándoas da situación e facilitándolles alternativas como adiantar a data da viaxe ou realizar a ruta polo Sil.

O percorrido polo Miño funcionará con normalidade ata o 9 outubro, momento no que quedarán interrompidas as viaxes. En concreto, en setembro o servizo funcionará durante toda a semana, con viaxes de luns a domingo. En outubro funcionará as fins de semana dos días 1 e 2 , e do 8 e 9.

No caso da ruta polo Sil, en setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.