Setembro é o terceiro mes máis demandado para as vacacións


Agosto, o mes máis importante da tempada turística acaba de quedar atrás, pero a actividade do sector prosegue. Os datos recompilados polo Observatorio Nacional de Turismo Emisor  (ObservaTUR) amosan que o 13 % dos españois que gozan de vacacións no verán elixen setembro para este descanso, superando así aos que optaron por xuño (11 %), aínda que lonxe daqueles que se decantaron por xullo (29 %) ou agosto (42 %), recolle na súa wen o Clúster Turismo de Galicia.

As diferenzas varían segundo as franxas de idade estreitándose no caso das persoas de entre 65 e 74 anos. Nese caso agosto (20 %) perde a primeira posición nas preferencias de descanso estival en favor do mes de xullo (31 %) e vese superado tamén por xuño (24 %). Setembro sitúase en cuarta posición, pero tamén sobe varios puntos con respecto á cifra xeral ata situarse nun 18 %.

En canto aos destinos máis demandados polos españois para setembro, os datos de ObservaTUR reflicten unha predilección polos destinos nacionais. Así o farán o 60 % dos españois que se irán de vacacións durante este mes. E entre eles serán tamén maioría (un 67 %) os que se desprazarán a unha comunidade autónoma diferente á da súa residencia habitual optando maioritariamente por destinos de sol e praia e por unha semana de viaxe.