Reparto de 3.000 árboles para compensar a pegada ecolóxica do Río Verbena Fest


A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e Turismo de Pontevedra, patrocinadores do festival Río Verbena Fest, distribuirán 3.000 árbores de balde entre os asistentes a este evento, que se celebrará o sábado 24 de setembro, co obxectivo de compensar os efectos do seu impacto ambiental e implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático.

A iniciativa para paliar a pegada ecolóxica dos espectáculos musicais, impulsada polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco no marco do proxecto Pontevedra Flúe en colaboración coas empresas Esmerarte e Maldita Sed (promotoras do festival), contempla o reparto de 600 carballos comúns, 500 bidueiros, 500 castaños, 500 arces, 200 alcornoques e 200 cereixeiras.

Esta proposta foi anunciada por Puentes e Blanco este venres a carón da faraónica carpa instalada sobre os antigos terreos de Tafisa (na avenida de Bos Aires), con motivo dunha visita realizada en compañía dos responsables das firmas organizadoras.

Tal e como apuntou o edil de Desenvolvemento Sostible, “o Río Verbena Fest é un evento que vai marcar un antes e un despois na programación festiva e de lecer da nosa cidade, porque é o único dos que temos en Galicia, e realmente no conxunto do Estado, que aúna música coa sensibilidade na loita contra o cambio climático e a protección do medio ambiente, e por ese motivo, o Concello aproveita a ocasión para distribuír entre tódolos asistentes que acudan a este evento 3.000 árbores, que máis aló de seren un agasallo bonito, están destinadas a neutralizar a pegada ecolóxica e as emisións de CO2 á atmósfera que este festival, como calquera outro, vai producir”.