Recoñecemento de Calidade para 15 empresas do GDR Terras de Compostela


A aposta pola calidade ten recompensa. Así o acaban de comprobar os quince establecementos situados no ámbito de actuación do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela que recibiron os diplomas que acreditan a súa adhesión ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino.

O acto, celebrado na contorna da fervenza de Castriz (Santa Comba), reuniu aos responsables de los restaurantes, balnearios e hoteis dunha decena de municipios do GDR recoñecidos cos diplomas e a diversas autoridades e representantes do sector, como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a alcaldesa de Santa Comba, María Pose; o vicepresidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco; a presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Todos eles destacaron a importancia da aposta pola calidade e a sustentabilidade como piar de futuro do sector e felicitaron aos establecementos distinguidos polo Sicted. Ademais, os asistentes puideron gozar das paisaxes e atractivos da zona participando nunha camiñada previa á entrega dos diplomas.

Os destinatarios destes novos diplomas Sicted son Apartamentos A Carballeira do Tambre e Pazo de Cores (A Baña); Casa Abelleira e Hotel Pavro (Ames); Restaurante o Balado (Boqueixón), Hotel Balneario de Compostela e Balneario Compostela (Brión); Restaurante Casa Barqueiro (Negreira), Casa do Ghabino, Talladas Gastrobar e Hotel Xallas (Santa Comba), Moradas no Ulla (Teo), Casas Paramos (Val do Dubra), e Pazo Vista Alegre e Pazo Cibrán (Vedra).

O Sicted é un proxecto impulsado pola Secretaría de Estadoi de Turismo coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) para impulsar a calidade turística, propiciar que esta sexa homoxénea dentro dun mesmo destino turístico e recoñecer o esforzo e o compromiso realizado polos establecementos que se adhiren ao programa, explica na súa web o Clúster Turismo de Galicia.