Os bonos Activa Comercio mobilizarán 17 M€ nos establecementos de proximidade


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou este xoves que a segunda edición dos bonos Activa Comercio, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e reactivar o sector comercial, permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras e fomentar, deste xeito, o consumo no comercio de proximidade.

Mediante este programa impulsado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e que se porá en marcha nas próximas semanas tras ser abordado no Consello da Xunta, os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos. Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta “por reactivar e dinamizar ao pequeno comercio, marcado primeiro pola pandemia” agora polo contexto económico de suba de prezos, explicou Rueda. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros. O período de validez dos bonos estenderase ata o 15 de decembro, salvo esgotamento previo do seu saldo.

Con esta iniciativa, de cuxa primeira edición se beneficiaron máis de 230.000 clientes, búscase continuar estimulando as vendas, sobre todo no pequeno comercio, e incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio retallista, contribuíndo a paliar o impacto da actual situación económica.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás distintas liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.