O selo de Artesanía Alimentaria foi presentado no Galicia Fórum Gastronómico 2022


O Galicia Fórum Gastronómico 2022, que celebra hoxe o seu último día en ExpoCoruña foi ecenario para a presentación do selo de calidade de Artesanía Alimentaria. Ao acto asistiu o director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos que estivo acompañado por tres operadores amparados por este selo, como son Alberto Fernández, de Adegas Menduiña (produtores de cervexa artesá), Nuria Calo, de As Camposeiras (conservas artesás de froitas, hortalizas e marmeladas), e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte (obradoiro de xeados artesáns). Ao remate, realizouse unha degustación de produtos co selo de Artesanía Alimentaria.

O obxectivo deste selo é diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como protexer aos seus produtores. Ademais, o distintivo dá conta de que as producións que o levan son produtos elaborados con materias primas seleccionadas que non fan uso de potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais, quedando o uso doutros aditivos suxeito a importantes restricións. Tampouco empregan graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco.

Os produtos divídense en dúas categorías e poden ser artesáns da casa (elaborados con materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto) ou produtos artesánsde montaña (provintes de empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, dacordo co que establece a normativa da Unión Europea).