O sector turístico galego cumpre as expectativas e pecha agosto no 90 % de ocupación


O mes de agosto acadou o maior nivel de ocupación dos establecementos turísticos galegos cunhas porcentaxes medias do 90 % e superiores. En xuño estas porcentaxes situáronse entre un 70 % e un 80 %, cumprindo as expectativas previstas ao principio da época estival. Son datos do estudo elaborado polo Clúster Turismo de Galicia a partir dunha consulta entre os seus asociados.

O documento recolle un balance moi positivo para o sector tamén en termos de facturación, con cifras históricas que permiten recuperar e, incluso superar, os niveis de 2019. En termos xerais, medrou a facturación grazas ao incremento das tarifas pero este aumento non se trasladou de forma proporcional á rendibilidade, dadas as considerables subidas dos custos enerxéticos e dos subministros.

Respecto ao comportamento dos viaxeiros, cómpre destacar que primaron as reservas de última hora e unha redución das estadías medias pero cun gran nivel de rotación que permitiu acadar bos niveis de ocupación e facturación.

Sobre á nacionalidade, mantívose a predominancia do turismo nacional aínda que comeza a repuntar a recuperación do mercado internacional, destacando a afluencia de turistas portugueses e franceses.

Por zonas, a provincia de Pontevedra cumpriu as expectativas, con índices de ocupación e tarifas medias superiores ás de 2019. En xullo a ocupación roldou o 80 % e a de agosto o 90 %, contando ademais con boas perspectivas para o mes de setembro, cunha previsión do 70 %.

Sanxenxo acadou uns números históricos, superiores aos de 2019. En xullo a ocupación hoteleira oscilou entre o 75 e o 80 %, chegando ao 83 % no caso dos apartamentos. En agosto os superouse o 90 % na práctica totalidade das diferentes tipoloxías de establecemento, destacando os hoteis de 3 e 4 estrelas, que chegaron ao 93 %.

Tamén se cumpriron as previsións na cidade da Coruña, cuxos hoteis rexistraron ocupacións de entre o 85 e o 90 % e a facturación medrou un 15 % respecto 2019. En Santiago de Compostela a ocupación media moveuse na contorna do 75 %, se ben os establecementos da capital galega rexistraron cheos en momentos puntais como as Festas do Apóstolo ou os concertos do festival O Son do Camiño. O sector é optimista cara os meses de outono grazas ao Xacobeo e á nutrida axenda de congresos para o que resta de ano.

Pola súa parte, a Costa da Morte rexistrou altas ocupacións en agosto (85-90 %), tras un mes de xullo máis modesto. En todo caso, superáronse os datos de 2019 e 2021 e as perspectivas para setembro son boas, grazas á previsión de chegada de peregrinos e peregrinas internacionais.

Na cidade de Ferrol existe satisfacción polos resultados do verán, con ocupacións estables na contorna do 75-80 %, que se elevaron ao 95 % nos primeiros días de agosto e que acadaron o 100 % nas pontes do 25 de xullo e o 15 de agosto.

Na provincia de Lugo tamén se cumpriron as expectativas, con porcentaxes que oscilaron entre o 70 e o 80 % en xullo e entre o 80 e o 90 % en agosto. Foi especialmente positiva a primeira quincena de agosto, con ocupacións superiores ao 95 % na Mariña e na Ribeira Sacra na ponte do 15 de agosto. Esta última zona roldou en agosto unha ocupación do 90 %, a 4 puntos do histórico mes de agosto de 2019.

Na provincia de Ourense, a ocupación media estivo na contorna do 80 % este verán, cun comportamento especialmente bo entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. Destacan as estadías curtas, especialmente de turistas que veñen coñecer Galicia e fan unha primeira parada na provincia ourensá. Por último, o eido do turismo rural tamén reflectiu un bo verán acadando incluso niveis próximos ao 90 %. No interior resentíronse as zonas máis afectadas polos lumes, que rexistraron cancelacións. Se ben existe certa incerteza respecto aos vindeiros meses, o sector ten en marcha iniciativas como o Outono Gastronómico, que pretenden incentivar o consumo no que resta de ano.