O comercio de Sanxenxo, liquida na feira local roupa e alimentación


O comercio local de Sanxenxo sai a rúa esta fin de semana cunha feira de oportunidades na praza dos Barcos. Dará comezo este venres e prolongarase até o domingo, en horario de 11 a 22 horas.

A cita servirá para vender existencias e stocks de tempadas pasadas con importantes descontos e a prezos moi atractivos na Feira de Oportunidades. Un total de 22 casetas colocaranse na Praza dos Barcos para vender distintos artigos como roupa de muller, home ou neno, calzado, bixutaría, peletería e complementos, e tamén un posto de mel e outro de aceite ecolóxico. A entrada ao recinto que terá forma de "u" será gratuíta.

O concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, xunto ao presidente de Entretendas, Julio Presas, supervisaron o inicio da instalación da feira.

Guisasola sinalou que con esta cita "axúdase ao comercio local a vender os seus artigos de stock, pero tamén colabórase cos veciños porque van ter a oportunidade de mercar artigos con descontos de máis do 50% nalgúns casos". Presas sinalou que se trata dunha "boa oportunidade" para mellorar o balance de cifras económicas deste verán. "Este tipo de feiras funcionan sempre moi ben porque se venden artigos de calidade a moi bos prezos e a localización é moi boa", dixo.

Unha das casetas, María Modal Infantil, estará dedicado á liquidación de roupa infantil de marca cuxa parte da recadación se doará á Asociación contra o Cancro de Sanxenxo.

Tras os bos resultados conseguidos durante a feira celebrada a pasada Semana Santa, o comercio confía en que esta cita axude a pór o broche á campaña estival.