O Caudal Fest espera batir o seu récord e superar as 22.000 persoas en Lugo


As tenentes de alcaldesa e edís Miguel Fernández e Ana Abelleira supervisaron este martes a instalación do recinto que acollerá unha nova edición do Caudal Fest para coñecer in situ como evoluciona a súa montaxe. Fixérono acompañados da Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a Deputada de Turismo, Pilar García, e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto a outras autoridades. A cita, que se celebrará este venres 16 e sábado 17 á beira do Miño, conta co patrocinio principal do Concello de Lugo e atópase consolidada como un referente no panorama musical español.

O Caudal Fest foi unha aposta da Alcaldesa no 2018 para integrar a Lugo nunha rede de festivais nacionais que atraen a un turismo de alto impacto económico. Así mesmo, buscábase crear na cidade unha terceira gran cita en Lugo, xunto co San Froilán e o Arde Lucus. “O obxectivo acadouse xa o primeiro ano, onde tivemos un 100% de ocupación hostaleira non só en Lugo senón en concellos limítrofes, e o impacto económico (especialmente comercio, bares, restuarantes e mobilidade) foi superior aos 3 millóns de euros”, apuntou Ana Abelleira.

Aproximadamente, o 40% dos asistentes proceden de fóra de Galicia. Só na primeira edición a cita atraeu á cidade a unhas 22.000 persoas, e este ano o Caudal aspira a bater o seu récord. “Un dos grandes atractivos do festival tamén é que se organiza na contorna do Miño, unha zona de gran valor natural e paisaxístico que estamos a potenciar a través de diferentes actuacións enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae, co obxectivo de achegar a trama urbana da cidade ao río”, explicou a edil, quen aproveitou así mesmo para solicitarlle á Xunta que integre a Lugo nos circuitos de actuacións musicais internacionais a través do Xacobeo, “porque como se pode apreciar, Lugo dispón dun dos mellores auditorios de Galicia, a contorna do Miño”, concluíu.

Pola súa parte, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, salientou que a institución provincial colabora cunha achega de 50.000€ para o Caudal Fest, posto que “eventos desta categoría contribúen de maneira moi importante a proxectar a imaxe da nosa provincia, xeran riqueza e actividade económica, e apostan por achegar aos lucenses actividades de lecer de primeiro nivel".

García Porto incidiu en que "dende a Deputación mantemos unha liña de cooperación constante cos concellos, e prestámoslle unha atención prioritaria á promoción do territorio a través do turismo". Salientou a calidade na configuración do cartel desta nova edición da cita musical, e felicitou á Alcaldesa e ao equipo de goberno municipal por poñela en marcha e lograr a súa consolidación. "O festival intégrase no conxunto da ampla oferta cultura, turística e de lecer do Concello de Lugo". García Porto puxo de exemplos o propio Caudal Fest, o Arde Lucus, as festas do San Froilán e a reactivación das festas dos barrios como actividades que "colocan á cidade de Lugo como un destino atractivo para o ocio ao longo dos 12 meses do ano. O Concello consegue que sempre haxa algunha actividade para desfrutar en Lugo".

A edición deste ano é unha das máis agardadas, pois o festival recupera o seu formato tralas restriccións pola pandemia, e faino co cartel máis ambicioso que tivo ata o momento, con máis de 20 artistas e grupos. O venres, os concertos comezarán ás 17:10 horas e rematarán ás 04:00; mentres que o sábado a cita arrancará ás 17:30 horas e finalizará ás 02:55. A apertura de portas será ambos días a partir das 16:45 horas, os horarios detallados de cada concerto poden atoparse no enlace: https://bit.ly/3qz9ViF

O cartel desta edición presenta unha gran calidade e variedade musical con artistas e grupos consolidados e outros de recente proxección que arrasan entre a mocidade. Así, o Caudal volverá ser o epicentro da música en directo en Galicia con actuacións como as de: Robe, que durante máis de tres décadas actuou como líder de Extremoduro, a maior banda de rock en castelán de todos os tempos; Estopa, un dos fenómenos musicais máis importantes das últimas décadas en España; Morad, o artista emerxente máis escoitado a nivel nacional dentro do xénero urbano; ou Izal, unha das formacións máis grandes dos últimos dez anos no noso país.

León Benavente, Ilegales, Delaossa, Cupido, Ciudad Jara, Mujeres, Fresquito y Mango son outros dos nomes destacados do festival de Lugo neste 2022. Así mesmo, a presenza de artistas galegos tamén está garantida coas actuacións de Terbutalina, Grande Amore ou Apart, así como dos lucenses de Forget La France e Infrarroja.

Unha dotación de bombeiros e tres unidades permanentes da Policía Local realizarán un amplo despregamento na zona. Este operativo especial terá por obxecto a regulación do tráfico e o control da seguridade viaria; a preservación da seguridade cidadá e a orde pública, e a prevención de delitos contra a saúde pública e contra o patrimonio. Tamén haberá un posto de información sobre a prevención de consumo de alcol. Pola súa banda a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou o apoio da Policía Nacional e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

O goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, instalará un punto violeta con motivo da celebración do Caudal Fest co obxectivo de previr as agresións sexuais que poidan darse no espazo público.

Neste punto, este ano en forma de caravana morada, levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas. Estará atendido por unha psicóloga e unha traballadora social, ambas con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero. Co obxectivo de prestar o servizo máis apropiado en canto a atención e sensibilización ante posibles vítimas, así como o de informar en materia de igualdade á cidadanía en xeral.