'O Camiño en Familia. Pet Camiño' incentivará a visita en grupo a Galicia


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este martes a iniciativa “O Camiño en Familia. Pet Camiño”, no marco da conmemoración do Día Mundial do Turismo que este ano ten como lema “Repensando o turismo”.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “mediante esta iniciativa tentaremos incentivar o Camiño en familia, que os mais mozos se animen a camiñar en familia, con accións e iniciativas específicas”. Porase tamén en marcha o Pet Camiño, xa que tal e como indicou, cada vez hai máis peregrinos que queren facer o Camiño acompañados da súa mascota, polo que se implantará a posta en marcha dun proxecto de adaptación, que engloba atención veterinaria 24 horas e a Credencial Canina, entre outras actuacións.

A nova iniciativa adaptará inicialmente o Camiño Inglés, unha das dez rutas oficiais de peregrinación a Santiago de Compostela, ao turismo familiar, mediante a ampliación das infraestruturas públicas enfocadas ás familias e a adaptación de establecementos turísticos ás súas necesidades, o que fortalecerá o Camiño de Santiago como destino, tendo no horizonte a celebración dos próximos Anos Santos do 2027 e do 2032.

Nava Castro presentou esta pioneira iniciativa no Día Mundial do Turismo, “un sector tan crucial para a nosa economía, un sector cheo de retos que, entre todos, converteremos en oportunidades. Oportunidades como a que nos está brindando poder contar con este dobre Ano Xacobeo, no que estamos batendo todos os récords, tanto en chegada de turistas como de peregrinos.”, afirmou.