O bono Quedamos en Galicia conta con 65 establecementos en Bergantiños e Costa da Morte


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, lembrou este martes que desde o pasado xoves, 15 de setembro, xa está de novo activado o bono turístico “Quedamos en Galicia” que ten adheridos 65 establecementos na comarca de Bergantiños-Costa da Morte.

Trenor subliñou que esta medida inxectou máis de 433.000 euros nos locais desta área que se uniron á campaña na edición anterior de 2021.

O delegado territorial fixo estas declaracións, acompañado no transcurso dunha visita ás Cabañas da Fonte en Canduas un dos establecementos que se poden seleccionar, ubicado no Concello de Bergantiños-Costa da Morte, dentro das tarxetas deste bono no ano 2022.
O representante do Goberno galego subliñou que “chegamos ao remate desta terceira edición cun gran éxito de participación, tras dous anos de duras restriccións pola pandemia”. Neste senso, apuntou que “todos temos moitas ganas de saír por Galicia e boa proba diso foi a excelente acollida dos galegos a esta iniciativa turística”. Trenor destacou que con este plan queremos dinamizar e colaborar co noso potente sector turístico fora das datas de tempada alta”.

Trenor tamén destacou que “desde a Xunta eramos conscientes de que o turismo ía ser un dos motores da recuperación económica de Galicia trala pandemia, por iso estuvimos desde o primeiro momento do lado do sector con axudas por valor de 120 millóns de euros, cun obxectivo triplo: evitar a caída das empresas nos tempos de peche polas restricións sanitarias, adaptar os negocios aos protocolos e fortalecelos para a nova etapa que se abre agora, “cando Galicia aspira a liderar o sector a pechar o Xacobeo con cifras históricas”.

O delegado rematou recalcando que “Galicia está de moda” e puxo en valor a profesionalidade do sector e a solidariedade e responsabilidade dos galegos na consecución destes fitos.