A balneoterapia nas enfermidades reumatolóxicas” é o tema da xornada que terá lugar esta fin de semana no balneario Termas Romanas de Lugo. A actividade diríxese a futuros médicos e está promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.
O doutor Antonio Freire Magariños, director médico do balneario Iberik Augas Santas (Pantón, Lugo), é o coordinador deste seminario. Salienta que a utilización da auga mineromedicinal para tratar as patoloxías reumáticas vén desde a antigüidade e hoxe en día a cura balnearia segue a considerarse moi efectiva para abordar os síntomas dos procesos vencellados ao aparato locomotor. Nesta liña, indica que “entre o 40 e o 60% das persoas usuarias destas terapias logran diminuír o consumo de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatorios”.
As enfermidades reumatolóxicas son a principal causa de discapacidade nos adultos en todo o mundo e na actualidade a maioría dos tratamentos en balnearios céntranse neste tipo de doenzas. Así, son moitos os países europeos onde a balneoterapia se emprega como abordaxe complementaria das doenzas reumáticas, pola súa eficacia na diminución da dor, da incapacidade funcional e da reacción inflamatoria que acompaña o proceso de deterioración e de destrución da cartilaxe articular.
Numerosos estudos clínicos realizados nos últimos anos demostran a efectividade da balneoterapia en varias enfermidades reumáticas crónicas e dexenerativas, sobre todo a artrose, a lumbalxia e a fibromialxia, os reumatismos crónicos e o tratamento das secuelas de traumatismos. Ademais, diversos estudos sinalan que un incremento do 1% no gasto sanitario en balnearios repercute nun aforro de entre o 30 e o 40% en gastos médicos farmacolóxicos, ao tempo que se reduce nun 30% o absentismo laboral.
As xornadas comezan o venres ás 16:30 horas coa intervención da doutora Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, que abordará o mecanismo de acción das augas mineromedicinais sobre as enfermidades reumatolóxicas. De seguido, os estudantes do último curso de Medicina farán unha visita polas instalacións do centro e, finalmente, realizarán unha sesión práctica para coñecer as técnicas e tratamentos que se levan a cabo nas piscinas termais.
Na mañá do sábado o doutor Antonio Freire Magariños afondará no tratamento balneoterápico das doenzas reumatolóxicas e outras técnicas complementarias. Posteriormente, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, incidirá no panorama actual do termalismo na comunidade galega e na normativa principal que afecta ao sector. Como peche da xornada, pola tarde os futuros facultativos participarán nunha sesión práctica no balneario.