O 15 de setembro reactívase a campaña Quedamos en Galicia


O final da campaña estival trae varias novidades para quen queira seguir gozando da oferta turística galega. É o caso do Outono Gastronómico cuxa 16 edición arrinca o venres 16 de setembro, pero tamén dos bonos turísticos Quedsamos en Galicia 2022, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia coa colaboración do Clúster e os negocios do sector, que se renovará este xoves 15 de setembro.

Un dos principais obxectivos dos bonos turísticos é contribuír á desestacionalización da demanda incentivando o uso dos servizos das axencias de viaxes e dos aloxamentos (hoteis, balnearios, cámpings, turismo rural, etcétera) durante a tempada baixa. É por iso que o período para trocar polos devanditos servizos as tarxetas moedeiro entregadas aos usuarios que se inscribiron na campaña suspendeuse entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, a tempada alta da campaña estival. Agora, unha vez superadas esas datas, Quedamos en Galicia renóvase para poñer ao alcance dos beneficiarios dos bonos turísticos as propostas dos máis de 900 establecementos adheridos ata o de agora (o prazo para que se sigan incorporando máis empresas seguirá aberto ata o 1 de decembro).

A edición deste ano da campaña volveu resultar un éxito, tal como demostran as máis de 20.000 solicitudes de bonos que se rexistraron en apenas de 12 horas propiciando que os fondos que a Xunta destina a financiar o 40 % de cada unha destas tarxetas moedeiro se esgotasen rapidamente. Os bonos, por importe de 250, 375 e 500 euros, poderán trocarse ata o 31 de decembro.