Mexillón de Galicia reiniciou a certificación en porto para o produto fresco


A Denominación de Orixen Portexida Mexillón de Galicia reiniciou este mes a certificación en porto para o mexillón fresco. Isto significa que o bivalvo alcanzou a calidade esixible para ser certificado co noso selo e garantir que está nun momento óptimo para o seu consumo.

Con este paso culmínase un proceso de produción totalmente natural, alleo a calquera achega externa e ligado a uns ciclos que ano tras ano se repiten nas augas das nosas rías e que resultan fundamentais para a obtención do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia.

Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior avalada polos rigorosos controis que se realizan ao longo do seu período de cría. E a etiqueta que porta é o distintivo que certifica ese rango e esa autenticidade.

O selo avala ante os consumidores que se atopan ante un alimento cento por cento galego, de extraordinario sabor e cunhas cualidades nutritivas que o converten en imprescindible nunha dieta sa e equilibrada. Ademais, é aconsellable para calquera idade e ofrece unha gran versatilidade na cociña.

Portar esa etiqueta é o último paso dun proceso rigoroso de control que se inicia coa obtención da semente nas rochas do litoral, continúa na propia batea e segue no momento da súa descarga en porto.

Esa supervisión tamén se leva a cabo nos centros de depuración, transformación así como nos puntos de venta. Por iso, o Consello Regulador considera esta tarefa de especial relevancia de entre todas as funcións desempeñadas porque proporciona fiabilidade ante os consumidores, que teñen así a certeza de adquirir o mexillón coas características distintivas de calidade e orixe que só achega a marca.

De outro lado, Mexillón de Galicia anuncia tamén que estará presente no Galicia Fórum Gastronómico que se celebra en Coruña do 25 ao 27 deste mes de setembro. 

Unha nova cita de alto nivel á que acode a DOP e que traerá a Coruña público profesional nacional e internacional. O fórum deste ano ten como tema central do seu programa a gastronomía sostible, ámbito no que Mexillón de Galicia ten moito que dicir ao tratarse dun alimento totalmente natural criado nas nosas rías coa única achega do fitoplancto mariño.

A DOP contará cun expositor propio, onde se mostrarán a empresas e profesionais os distintos formatos do mexillón, así como os produtos e marcas amparados polo noso selo de calidade. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de gozar os tres días do seu sabor coas receitas que elaborará o cociñeiro Miguel Mosteiro.